Rusia desafía o papel do dólar como moeda internacional de reserva

As principais empresas enerxéticas da Alemaña xa pagan o gas ruso en rublos

As frontes da guerra de Ucraína son variadas. Mentres continúan as hostilidades militares en diversos puntos deste país, os Estados Unidos de América (EUA), a OTAN e a Unión Europea (UE) amplían as sancións contra Rusia na esfera económica. Porén, a decisión do Goberno de Putin de obrigar os seus clientes europeos a pagar os hidrocarburos en rublos non só está resultando eficaz para manter o valor da moeda senón que representa un duro golpe ao dólar.

Edificio da gasificadora rusa Gazprom. (Foto: Stringer / dpa)
photo_camera A empresa pública Gazprom é o primeiro operador europeo do gas. (Foto: Stringer / dpa).

O papel do dólar como moeda de reserva, o poderoso arsenal nuclear e o control mediático  son as tres ferramentas que sustentan a hexemonía estadounidense. Malia a debilidade da súa economía, o recurso ao dólar como base de toda a operativa económica internacional sitúa os Estados Unidos nunha posición de privilexio desde os acordos de Bretton Woods, reforzada após a crise do petróleo dos anos 70.

As tentativas de substituír o dólar como moeda de reserva no comercio internacional foron combatidas sen contemplacións por Estados Unidos. Unhas das razóns fundamentais da invasión estadounidense do Iraq en 2003 foi a decisión do Goberno de Sadam Huseim de cobrar o seu petróleo en euros. Outro tanto, aconteceu en 2011 en Libia, bombardeada polas forzas da OTAN tras fixar o Executivo de Muamar el Gadafi o euro como moeda de pagamento do seu gas.

A moeda de reserva

A decisión de Rusia de obrigar os Estados da UE a pagar en rublos os seus hidrocarburos é o maior desafío á hexemonía estadounidense das últimas décadas. A este respecto, non é casual a posición das autoridades comunitarias e dos Estados Unidos, negándose a esta posibilidade e anunciando sancións para os países e empresas dispostos a abandonar o dólar como moeda de reserva. Unhas e outras son conscientes de que nesta cuestión están en xogo a actual orde internacional.

Polonia e Bulgaria teñen xa anunciado a súa decisión de pagar en dólares o que provocou o corte dos subministracións de gas por parte da petroleira pública rusa Gazprom. Porén, a posición destes dous Estados non está sendo secundada por Hungría, Eslovaquia, Alemaña ou Austria e, tampouco, polos grandes grupos empresariais do continente.

Os maiores provedores enerxéticos de Alemaña xa anunciaron a súa decisión de aceptar as esixencias rusas. Así, o meirande subministrador de gas do país, RWE, e a terceira empresa eléctrica, Uniper, deron pasos nesa dirección. Uniper asegura que pagará en euros que logo se converterán en rublos, satisfacendo a demanda do Kremlin de que todas as transaccións se realicen na moeda rusa.

“Para a nosa empresa e para Alemaña no seu conxunto non é posíbel prescindir do gas ruso a curto prazo. Isto tería consecuencias dramáticas para a nosa economía”, sinalan desde Uniper, quen lembra que “outras compañías europeas, e non só alemás, atópanse en circunstancias semellantes polo que pagarán o gas e o petróleo de orixe ruso en rublos”. O xigante enerxético austríaco OMV e mais a italiana ENI son dúas delas.

O gas ruso representa 40% dos consumos totais da UE

As autoridades comunitarias asumen recorrer ao euro e ao rublo para facer fronte aos pagamentos de hidrocarburos procedentes de Rusia.

O propio ministro de Economía alemán, Robert Habeck, indicou a pasada cuarta feira que “a maioría dos Estados da Unión Europea están adaptando este enfoque” e recoñeceu que a UE non pode prescindir do gas ruso “porque representa 40% dos nosos consumos totais, sendo superior esa porcentaxe en países como Alemaña”.

O recurso ao rublo preocupa especialmente ao Goberno estadounidense, na medida que estabelece unha nova fenda sobre o dólar como moeda da reserva, neste caso na UE, tras decidir Rusia e a China aumentares as reservas de ouro e empregar as súas respectivas moedas nacionais nos seus intercambios comerciais.

Comentarios