Feixoo inicia a rolda de contactos da investidura chamando Sánchez

A Mesa do Congreso aproba o grupo propio de Junts e ERC, algo pactado para obter os votos das forzas soberanistas catalás a Francina Armengol como presidenta da Cámara Baixa.
Borja Sémper (PP), a segunda feira. (Foto: Diego Radamés / Europa Press)
photo_camera Borja Sémper (PP), a segunda feira. (Foto: Diego Radamés / Europa Press)

Borja Sémper, vicesecretario de Cultura do Partido Popular (PP), trasladou a segunda feira, na data marcada polo PP para comezar os contactos co resto de forzas parlamentarias de cara ao seu intento de investidura a finais de setembro, que o presidente dos conservadores, Alberto Núñez Feixoo, chamaría “nas próximas horas” Pedro Sánchez, presidente español en funcións e líder do PSOE, para pedir unha reunión.

A xuntanza abordaría a “dispoñibilidade” do mandatario de “avanzar na estabilidade, nas reformas, na mellora da institucionalidade, nas medidas económicas que o noso país precisa”, expuxo Sémper, que reiterou sen ofrecer detalles que Feixoo ten vontade de reunirse co resto de forzas políticas con representación a nivel estatal agás EH Bildu, e anunciou que tamén lanzará unha rolda de contactos coas presidentas e presidentes territoriais aínda que non conta cos apoios necesarios para facerse coa Presidencia.

Pola súa parte, a voceira do PSOE e ministra de Educación, Pilar Alegría, afirmou que “acudiremos a esa reunión”. Fontes do PSOE transmitiran a medios estatais que Sánchez estaba disposto a xuntarse con todas as formacións excepto a ultraespañolista Vox, mais no caso do PP demandaran como condición previa que pidan “desculpas” polos “insultos” e reiteradas faltas de respecto durante a última lexislatura e a campaña electoral para os comicios do 23 de xullo.

ERC e Junts, con grupo propio

Asemade, a Mesa do Congreso aprobou que tanto Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) como Junts conten con cadanseu grupo parlamentario propio na Cámara Baixa, após o préstamo de deputadas e deputados de PSOE e Sumar para completar os requisitos, nunha operación que fora pactada para permitir a estes dous partidos estatais controlar a Mesa.

Lei de amnistía

Ao tempo, ERC confirmou que están en contacto co PSOE e Junts para comezar a “negociación real” sobre a investidura de Sánchez como presidente, e celebra que a amnistía ás e aos independentistas cataláns perseguidos por organizar un referendo de independencia en 2017 estea nas negociacións.

Arredor desa cuestión, a vicepresidenta segunda e líder de Sumar, Yolanda Díaz, asegurou que unha lei de amnistía sería “absolutamente constitucional”, e ademais das “persoas que puxeron urnas” tamén se referiu como posíbeis beneficiarios da norma aos axentes das forzas de seguridade españolas que participaron na represión das votacións, que deixou case mil persoas feridas e provocou que unha persoa perdera un ollo.

Comentarios