O ex presidente español Mariano Raxoi, implicado na espionaxe ilegal ao independentismo catalán

Interior coordinou con Villarejo a 'Operación Catalunya'.
Illa da Toxa, 29/09/23. Cobertura de la intervención de Mariano Rajoy en el Foro La Toja.

Fotos: Agostiño Iglesias
photo_camera O ex presidente do Goberno español, Mariano Raxoi, nun acto a finais de setembro de 2023. (Foto: Agostime / Europa Press)

As investigacións dos xornais elDiario.es, La Vanguardia e ElNacional.cat publicadas hoxe e onte confirmaron que o presidente do Goberno español entre 2011 e 2018, Mariano Raxoi, do Partido Popular (PP), estivo detrás da ‘Operación Catalunya', a espionaxe sen aval xudicial lanzada polo Executivo contra persoas relacionadas co independentismo catalán para desacreditalas no marco do proceso de autodeterminación que comezou cunha masiva manifestación na Diada de 2012.

A operación comeza co encargo de Jorge Fernández Díaz, daquela ministro de Interior, ao seu xefe de gabinete, Francisco Martínez, para que se desempeñase como a súa ligazón co comisario da Policía española José Manuel Villarejo, ao que reclamou unha listaxe de persoas de interese, e así naceron as informacións falsas sobre corrupción de Artur Más, daquela presidente da Generalitat por parte de Convergència i Unió (CIU), e dun dos seus predecesores e compañeiro de formación, Josep Pujol, publicadas por medios afíns ao PP, especialmente o diario El Mundo.

Porén, tamén se viron afectados o presidente do Futbol Club Barcelona naquela altura, Sandro Rossell, que pasou dous anos en prisión provisoria antes de ser exonerado, ou o fiscal xefe de Catalunya, Martín Rodríguez Sol, logo de que iniciara unha investigación sobre os documentos con información falsa que o Goberno de Raxoi proporcionou a medios de comunicación. Outras das persoas ás que se propuxo investigar foi á parella formada por Carles Vilarrubí, executivo bancario que militaba en CIU e que foi imputado no contexto da investigación, e a empresaria Sol Daurella.

Tamén foi premida para que entregara información a Banca Privada d’Andorra baixo a ameaza de retirarlle a licenza para operar no Estado por medio de Banco Madrid. Ademais, nunha relación de persoas a investigar, a Unidade de Asuntos Internos da Policía admitiu que “as informacións recibidas figuran na súa maior parte en internet e non se puideron contrastar até o momento”.

Neste sentido, as informacións de maior calado eran remitidas a Raxoi en sobres brancos por medio do servizo de escoltas. Malia que Fernández Díaz chegou a mentir no Congreso ao defender que non tiña coñecemento destes documentos, fontes do PP trasladaron a La Vanguardia que o seu líder, Alberto Núñez Feixoo, non faría comentarios.

Patrícia Plaja, voceira do Goberno catalán, controlado por Esquerra Republicana de Catalunya (ERC), incidiu en que Raxoi debe ofrecer explicacións “detalladas” do acontecido após “utilizarse os fundamentos do Estado como sumidoiros podres para perseguir cataláns”, e advertiu o Gabinete español que se converterá en “cómplice” da espionaxe se opta por non colaborar para aclarar os feitos. Ao tempo, o ex presidente catalán Carles Puigdemont, de Junts, definiu a operación como un “crime contra a democracia”.

A voceira do Executivo español, Pilar Alegría, considerou as revelacións de “enorme gravidade”, e abriu a porta a aceptar pedir a comparecencia de Raxoi na comisión parlamentaria de investigación sobre a ‘Operación Catalunya’, pactada entre Junts e o PSOE.

Na reunión do Gabinete decidiuse desclasificar parte da información requirida polo Xulgado de Barcelona que investiga a espionaxe do móbil do presidente catalán, Pere Aragonès (ERC), xa con Pedro Sánchez (PSOE) na Moncloa, un día despois de que os Mossos d’Esquadra certificaran a espionaxe dos teléfonos de tres dirixentes de ERC.

Comentarios