Xustiza

O xuíz do 'caso Pegasus' cita a ex directora do CNI como investigada

Reclama á central española de Intelixencia aclarar se comprou o 'software' de espionaxe e se o utilizou, no marco da querela presentada polo presidente catalán, Pere Aragonès.
Paz Esteban (dereita) recibindo os parabéns da ministra de Defensa, Margarita Robles, na súa toma de posesión como directora do CNI en febreiro de 2020. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera Paz Esteban (dereita) recibindo os parabéns da ministra de Defensa, Margarita Robles, na súa toma de posesión como directora do CNI en febreiro de 2020. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

O xuíz que investiga o 'caso Pegasus' vén de citar a ex directora do CNI Paz Esteban a declarar como investigada a cuarta feira 13 de decembro ás 9 horas. O Xulgado de Instrución número 29 de Barcelona tomou esta decisión a raíz da petición que fixo o president da Generalitat de Catalunya, Pere Aragonès, que se querelou por esta trama de espionaxe.

No mesmo auto, o xulgado citou Aragonès a declarar como prexudicado o mesmo día, ás 9.30 horas. Aragonès presentou a querela en xullo de 2022 polos presuntos delitos de intrusión non autorizada en equipos informáticos, de intercepción ilegal de comunicacións, de espionaxe informática e de produción e adquisición para o uso de spyware, así como "outros delitos contra os dereitos fundamentais".

O xuíz tamén reclama ao CNI información sobre a compra e posíbel uso do software, así como se ten licenza de uso e se posúe en exclusiva as facultades de autorización do seu uso no Estado español. Intelixencia tamén terá que aclarar que mercantil comprou a licenza, quen actuou en nome do CNI ao encargar e comprar o software e aclarar "se fixeron uso" de Pegasus con relación a Aragonès.

No mesmo auto, o xuíz acorda oficiar ao Tribunal de Contas para que certifique se o CNI comprou licenzas a NSO Group ou a Osy Technologies, e que detalle estes produtos ou servizos e a data na que se adquiriron. Tamén decidiu librar un exhorto ao maxistrado do Tribunal Supremo responsábel do control xudicial ao CNI para que certifique sui autorizou o uso do software para espiar Aragonès. No mesmo auto o xuíz pediu á Fiscalía que se posicione antes da cuarta feira sobre se prorrogar a instrución de caso outros seis meses.

Reclamacións á comercializadora

A querela de Aragonès tamén se dirixe contra a empresa Osy Technologies, vinculada a NSO Group, propietaria do software Pegasus. O xuíz pediu unha orde europea de investigación para entregar unha copia do auto traducida ao francés na sede da empresa en Luxemburgo para que designe un representante legal para a causa.

Este representante deberá certificar se a mercantil ou o grupo empresarial comercializaron Pegasus, se o venderon a organismos gobernamentais do Estado español e, no caso de que o fixesen, identificar as persoas que actuaron como representantes no encargo e a compra do software. O xuíz tamén pide á mercantil aclarar se conserva datos ou rexistros sobre do funcionamento de Pegasus a mans de organismos gobernamentais españois, e se os ten ordena entregalos ao xulgado.

Ademais, reclama que a empresa especifique quen son os administradores, directores e representantes da mercantil para tomarlles declaración se for preciso, e que certifiquen se contan cun sistema de prevención de riscos penais.

Comentarios