O proxecto de amnistía chega ao Pleno do Congreso español o 12 de decembro

A Cámara tamén debaterá a creación de tres comisións de investigación.
Alberto Núñez Feixoo. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)
photo_camera Alberto Núñez Feixoo. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)

A Xunta de Voceiras e Voceiros do Congreso español acordou hoxe que o Proxecto de lei orgánica de amnistía sexa tomado en consideración polo Pleno da Cámara Baixa o próximo 12 de decembro, nunha sesión na que de forma previsíbel tamén se aprobará que sexa tramitada polo procedemento de urxencia.

O mesmo día será debatida a creación de comisións de investigación sobre os atentados xihadistas de agosto de 2017 en Catalunya, sobre a ‘Operación Catalunya’, impulsada para desacreditar por medio de investigacións xudiciais líderes ou persoas vinculadas co independentismo nos mandatos de Mariano Raxoi, do Partido Popular (PP), entre 2011 e 2018, e a última sobre a espionaxe por medio do programa Pegasus a líderes independentistas cataláns, xa con Pedro Sánchez (PSOE) na Presidencia.

A creación destas comisións foi pactada entre o PSOE e as forzas catalás, Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) e Junts, para que a candidata da forza estatal, Francina Armengol, se fixese coa Presidencia do Congreso.

Poder Xudicial

No que atinxe á renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial, que leva máis de cinco anos en funcións pola negativa do PP a pactar co PSOE a súa renovación, o líder conservador Alberto Núñez Feixoo propuxo un entendemento “simultáneo”, que incluiría unha remuda no organismo e presentar unha lei que aumente a 12 de 20 o número de vogais que elixirían as e os propios xuíces.

Pilar Alegría, voceira do Executivo español e ministra de Educación, sostivo que primeiro é precisa a renovación e logo xa “se poderá dialogar”.

Espionaxe para os Estados Unidos

Amais, foron detidos dous axentes do Centro Nacional de Intelixencia español por presuntamente filtrar información secreta aos Estados Unidos.

Comentarios