Opinión

Operación Catalunya

Cando eu era pequeno a televisión española, que era a única que eu podía ver, adoitaba programar pola tarde un programa de propaganda belicista que se chamaba 'Por tierra, mar y aire'. Era o que facían antes de poñer uns poucos debuxos animados nunha época en que a televisión era o que botaban, non podías tirar nin adiante nin atrás. Un día pregunteille ao meu pai que caramba quería dicir aquela frase tan rara, iso de "por tierra, mar y aire" e explicoume que era unha maneira de dicir que ían a por todas, porque iso era todo o que tiña un exército.

Esta semana publicáronse novas probas e revelacións dos movementos que o estado español leva realizando desde o 2014, como mínimo, para frear o proceso independentista e volveume á cabeza a frase esta de por terra, mar e aire. Porque realmente non deixan nin unha soa fisura no seu ataque.

Esta semana a cousa foi de como as cloacas do estado inventaron falsas probas sobre que dirixentes de CiU como Artur Mas ou Xavier Trias tiña diñeiro no estranxeiro e de como medios de comunicación que non merecen ese nome as publicaron en campaña electoral para infrinxirlles un castigo político. Que o conseguiron, por certo.

Despois da consulta institucional do 9-N todo valía xa e as cloacas puxéronse a traballar a un ritmo que algún día, cando se poida poñer todo en conxunto, seguro que causará estupor. O estado español atacou, ataca e atacará sempre por terra, mar e aire calquera intento de cambiar as cousas, calquera posibilidade dunha solución democrática para revisar as súas fronteiras actuais. E visto na perspectiva do ocorrido desde o 9-N queda claro que, ademais, non cambia nada se manda o PP ou o PSOE. Por terra, mar e aire os uns. Por terra, mar e aire os outros.

Grazas Martxelo e María polas vosas amables palabras cara a Vilaweb. E parabéns María polo gran traballo de Sermos, continuado agora en Nós Diario. É verdade que eles atacan por terra, mar e aire pero tamén o é que nós construímos teimudamente as nosas nacións.

Comentarios