A xustiza rexeita as alegacións de Mariano Raxoi para evitar unha posíbel imputación pola 'Operación Catalunya'

No auto, o TSXM sinala que o ex presidente do Goberno español non dá os argumentos necesarios para que se poida estudar a paralización da comisión rogatoria.
O ex presidente do Goberno español, Mariano Raxoi. (Foto: Europa Press)
photo_camera O ex presidente do Goberno español, Mariano Raxoi. (Foto: Europa Press)

O Tribunal Superior de Xustiza de Madrid (TSXM) rexeitou esta cuarta feira a petición do ex presidente do Goberno español Mariano Raxoi para paralizar de maneira cautelar a comisión rogatoria das autoridades andorranas, previa a unha posíbel imputación no marco da ‘Operación Catalunya’.

No auto, o alto tribunal sinala que o dirixente político non dá os argumentos necesarios para que se poida estudar a paralización da comisión rogatoria. Pola súa parte, Raxoi dispón de cinco días para presentar un recurso contra esta decisión.

Nesta comisión rogatoria, dirixida pola xuíza de instrución especializada número 2 de Andorra, Stéphanie Garcia Garcia, constan como investigados Mariano Raxoi; os ex ministros Cristóbal Montoro e Jorge Fernández Díaz; o ex secretario de Estado Francisco Martínez; e o ex director xeral da Policía Ignacio Cosidó, así como os ex mandos policiais Eugenio Piñeiro e Bonifacio Díez.

Os citados están a ser investigados por presuntos delitos de coaccións, ameazas dun mal constitutivo de delito, chantaxe, extorsión, coaccións a órganos constitucionais e creación de documento falso.

En concreto, todos os investigados serían presuntos partícipes da ‘Operación Catalunya’, un dispositivo de espionaxe deseñado para intentar coñecer "mediante vías ilegais" información bancaria secreta dos antigos presidentes da Generalitat Jordi Pujol e Artur Mas, así como do ex vicepresidente Oriol Junqueras.

Querelantes

Nun primeiro momento a querela foi interposta por dúas entidades, Juristes Drets e l'Institut de Drets Humans d'Andorra (Idha). Posteriormente adheríronse o presidente da Banca Privada d'Andorra (BPA), Higini Cierco i Noguer, e o CEO da entidade, Joan Pau Miquel.

Nun primeiro momento, a querela ía dirixida contra o inspector xefe da Policía Nacional que foi agregado na Embaixada española de Andorra, Celestino Barroso Sánchez, e o ex xefe da Unidade de Asuntos Internos (UAI) Marcelino Martín Blas.

Ambos os dous mandos policiais coaccionaron e extorsionaron presuntamente os dirixentes da BPA para conseguir datos de supostas contas bancarias andorranas a titularidade de Mas, Pujol e a súa familia e Junqueras.

Comentarios