Evacúan ao longo de Francia seis aeroportos por "ameazas de ataque"

Por terceira vez en cinco días o Palacio de Versalles foi desaloxado.
Militares no exterior do aeroporto de Toulouse-Blagnac, esta cuarta feira. (Foto: Charly Triballeau / AFP / DPA)
photo_camera Militares no exterior do aeroporto de Toulouse-Blagnac, esta cuarta feira. (Foto: Charly Triballeau / AFP / DPA)

Os aeroportos franceses de Lille, Lyon, Nantes, Niza, Tolosa (Toulouse-Blagnac) e Beauvais, perto de París, tiveron que ser desaloxados esta cuarta feira tras “ameazas de ataque” remitidas por correo electrónico, trasladaron fontes policiais á axencia AFP, explicando que a medida permite “aclarar calquera dúbida” sobre a posibilidade de que sexan reais.

Por terceira vez en cinco días, tamén foi evacuado o Palacio de Versalles. As ameazas de bomba sucedéronse nas últimas xornadas no territorio francés, sen que as autoridades atoparan artefactos explosivos, o que levou a desaloxar o museo do Louvre, a estación de tren de Lyon e múltiples centros educativos.

A canle France24 apunta que cando menos os aeroportos de Lyon e Niza volveron á normalidade en poucas horas, neste último após efectuarse un control de seguridade por unha equipaxe abandonada.

10.000 policías e 7.000 militares están despregados en Francia despois de elevarse a alerta terrorista a pasada sexta feira tras o asasinato dun profesor no liceo Gambetta de Arras por parte dun xihadista de orixe ruso que xurara lealdade ao Estado Islámico.

No verán, máis de 3.400 persoas foron detidas nunha vaga de protestas polo asasinato dun mozo de 17 anos de orixe alxerina a mans dun Policía por non parar nun control de tráfico, nunhas mobilizacións semellantes ás de 2005, tamén provocadas pola morte de dúas persoas e que puxo en evidencia a situación da periferia das principais cidades francesas polas desigualdades que sofren en relación aos barrios acomodados.

Francia vincula co terrorismo un futbolista

“Todas as nosas oracións polos habitantes de Gaza, que unha vez máis son vítimas destes inxustos bombardeos que non perdoan mulleres nin nenos”, publicou nas súas redes sociais o futbolista francés Karim Benzema no marco da escalada da agresión israelí contra Palestina.

A resposta do titular de Interior de Francia -un dos Estados da Unión Europea que vetaron as protestas a favor de Palestina-, Gérald Darmanin, foi acusalo de ter “vínculos notorios cos Irmáns Musulmáns”, nunha entrevista na cadea CNews na que abordaba o ataque terrorista da segunda feira en Bruxelas, no que foron asasinados dous suecos antes de que a Policía matara o agresor. Francia considera os Irmáns Musulmáns unha organización terrorista.

Darmanin non presentou ningunha proba, e París non condenou os crimes israelís contra Palestina.

Comentarios