As protestas contra a violencia policial espállanse polo territorio francés

180 persoas foron detidas na madrugada de onte en Francia no marco das protestas polo asasinato dun menor de idade a mans dun axente esta semana. As mobilizacións xa se expandiron por boa parte da xeografía francesa.
Fume nunha área residencial de Tolosa, en Occitània, durante as protestas a cuarta feira contra a violencia policial no territorio francés. (Lionel Bonaventure / AFP / DPA)
photo_camera Fume nunha área residencial de Tolosa, en Occitània, durante as protestas a cuarta feira contra a violencia policial no territorio francés. (Lionel Bonaventure / AFP / DPA)

Milleiros de persoas participaron a quinta feira na marcha silenciosa en Nanterre, un barrio da periferia de París, para exixir xustiza para Naël M., mozo de 17 anos e ascendencia norteafricana asasinado a terza feira no lugar por parte dun policía ao tratar de afastarse dun control de tráfico.

A mobilización, convocada pola nai do falecido, dirixiuse á prefectura de Altos do Sena, fronte á que foi disparado o adolescente, e foi dispersada pola Policía por medio de bombas lacrimóxenas cando intentaban denunciar uns feitos que volveron pór sobre a mesa as múltiples críticas das entidades en defensa dos dereitos humanos ás actuacións policiais contra as minorías étnicas en suburbios de baixos ingresos.

Até 16 persoas foron asasinadas desde 2022 polas forzas de seguridade francesas en controis de tráfico. A meirande parte delas era negra ou de orixe árabe.

“Como nai dun neno negro sei que pode ser percibido como un agresor, apréndolle a ser dócil para que non teña ningún problema, sabemos que é un risco para os nosos fillos estar fóra no espazo público”, explicou a Le Monde Oleia na marcha de Nanterre, facendo fincapé en que o “sistema é racista” e que “sempre son as mesmas historias, os mesmos tipos de crianzas ás que se apunta”.

Crystal Fleming, docente de Socioloxía e Estudos Africanos na Universidade Estatal de Nova York, incidiu en que o racismo no país está impregnado de “negación” e “arrogancia”, reiterando que se tratou dunha “execución”. Pola súa parte, o avogado e activista polos dereitos humanos Yasser Louati ratificou que “a Policía está protexida da rendición de contas en Francia, non hai transparencia”.

Ao tempo, a correspondente de Al Jazeera, Natacha Butler, salientou despois de falar coa veciñanza de Nanterre que “non queren ver violencia, mais están desgarrados, todos aquí entenden a ira que está a ferver a lume lento, case todos viron ese vídeo”.

40.000 axentes despregados

Após as protestas e posteriores enfrontamentos coa Policía na madrugada da terza á cuarta feira en Nanterre, esta situación repetiuse na madrugada da cuarta á quinta feira en lugares como Lyon, Tolosa, Lille, Brest, Estrasburgo, Ruán e varios suburbios de París, incluído o propio Nanterre. “Estamos fartos de que nos traten así, isto é por Naël, somos Naël”, berraban as mozas e mozos no nordés de París, comprobou AFP.

Amais de vehículos queimados nos enfrontamentos, tamén hai reportes de que foron afectados centros sociais, comisarías, Concellos ou estacións de transporte en distintas localidades. Á vez, tamén foron suspendidas liñas de transporte na rexión da Illa de Francia, na que se atopa París.

O ministro de Interior, Gérald Darmanin, subliñou que se tratou dunha “noite de violencia insoportábel contra símbolos da República”, e trasladou que se efectuaron 180 arrestos. Aliás, sinalou que 170 axentes resultaron feridos.

Nese sentido, e perante a previsión de que as protestas e enfrontamentos se espallaran aínda máis a pasada noite, anunciou a despregadura de 40.000 policías e xendarmes ao longo do Estado, 5.000 deles en París, o único lugar onde a noite anterior se lanzara un operativo especial, que contaba con 2.000 axentes.

“Peor que 2005”

Menores de idade de Nanterre entrevistados por medios locais apuntan que conducir sen carné no barrio é algo “anódino”, en alusión a un dos motivos polo que o coche de Naël M. foi detido pola Policía, e corroboran a conmoción entre a poboación polo vídeo en redes sociais que aclara o acontecido, así como que a Policía ofreceu unha primeira versión falsa, na que sostiña que o axente que asasinou o adolescente disparou cando o falecido o intentou atropelar.

En todo caso, e aínda que non viviron eses feitos –“foron os nosos irmáns maiores os que nolo contaron, dixéronnos que foi vergoñento”-, aseveran que “vai ser peor que en 2005”.

En outubro daquel ano dous menores de idade -17 e 15 anos- dunha minoría étnica e de suburbios de baixos ingresos morreron electrocutados mentres escapaban da Policía. Durante tres semanas, as protestas e enfrontamentos coas forzas de seguridade callaron en todo o territorio francés, con arredor de 2.800 detencións e 8.000 vehículos queimados.

Ademais da violencia policial, as e os manifestantes criticaron o alto desemprego e a falta de investimentos gobernamentais nas zonas de menos ingresos, nunha situación que escalou polas declaracións do daquela ministro de Interior e futuro presidente francés, Nicolas Sarkozy, nas que definiu as persoas mobilizadas como “escoura”, o que obrigou o mandatario conservador Jacques Chirac a declarar o estado de emerxencia.

Precisamente iso é o que pediu aplicar nos barrios onde se produciron os enfrontamentos coas forzas de seguridade Éric Ciotti, o presidente dos Republicanos, a forza herdeira da Unión por un Movemento Popular de Chirac e Sarkozy. Porén, Interior descartou polo de agora esta posibilidade.

A Fiscalía pide prisión provisoria para o atacante

O fiscal de Nanterre, Pascal Prache, comunicou a quinta feira que o policía que disparou xustificou o uso da arma en evitar “unha nova fuga do vehículo”, pola “perigosidade do comportamento na estrada do condutor” e “polo medo a que alguén fora atropelado”. Aínda así, Prache destacou que “a Fiscalía considera que non se dan as condicións legais para o uso da arma”, polo que solicitou a súa entrada en prisión provisoria como imputado por cometer homicidio voluntario.

O equipo legal da familia da vítima respondeu que lamentan que “o fiscal oculte a posíbel complicidade no homicidio voluntario do segundo policía e a posíbel falsificación en escritos públicos derivada das declaracións falsas iniciais do tirador”, en referencia ás outras dúas demandas que presentaron no caso.

Isto “confirma que é fundamental que este expediente sexa obxecto dun cambio de escenario para que maxistrados doutro tribunal poidan investigar con obxectividade, independencia e imparcialidade”, aseguran, repetindo unha petición que efectuaron desde o primeiro momento, cando a comisaría de Nanterre quedou ao cargo da investigación policial.

En paralelo, un veciño da familia do asasinado indicou a Reuters que “exiximos que o poder xudicial faga o seu traballo, senón o faremos á nosa maneira”.

Comentarios