Dous mortos nun posíbel atentado terrorista no centro de Bruxelas

Aínda non se produciron detencións polo asasinato a tiros de dous cidadáns suecos na capital de Bélxica, que eleva ao máximo nivel a alerta terrorista.
Cordón policial no lugar do asasinato en Bélxica. (Foto: Hatim Kaghat / Belga / DPA)
photo_camera Cordón policial no lugar do asasinato en Bélxica. (Foto: Hatim Kaghat / Belga / DPA)

Cando menos dúas persoas morreron e varias máis resultaron feridas por arma de fogo nun incidente rexistrado pouco despois das 19 horas perto da praza Sainctelette e do bulevar de Ypres da capital de Bélxica e da Unión Europea, Bruxelas. Os primeiros indicios levan a Policía belga a apuntar xa á hipótese terrorista, e o primeiro ministro, Alexander de Croo, sinala tamén este suposto nas redes sociais: "O meu máis sentido pésame aos seres queridos das vítimas do covarde atentado de Bruxelas".

Medios locais de Bruxelas citan fontes policiais que afirman que un home abriu fogo indiscriminadamente cun fusil tipo kalashnikov ao berro de "Allahu akbar!" (Deus é grande!). O atacante levaba casco e un chaleco reflector e fuxiu nun ciclomotor, precisaron as mesmas fontes.

Ambas as vítimas eran cidadáns suecos e levaban camisolas da súa selección, que xogaba esta segunda feira un partido oficial contra o combinado de Bélxica e que se suspendeu ao descanso. Após o incidente comezou a compartirse en redes un vídeo do suposto asasino no que asegura chamarse Slayem Slouma, proclama a súa pertenza a Estado Islámico (ISIS) e gábase de matar "tres suecos" que cualifica de "infieis". Chamaría, presuntamente, a "vingar os musulmáns en nome dos que vivimos e morremos pola nosa relixión".

Slouma publicara previamente unha mensaxe sobre o neno palestino de seis anos asasinado este domingo por un home de 71 en Chicago (Estados Unidos) polo mero feito de "ser musulmán", segundo as primeiras pescudas. "Se fose cristián chamariámolo terrorismo e non crime brutal", lamentara.

Polo de agora, porén, ningunha persoa foi detida e a Fiscalía belga limítase a indicar que hai unha investigación aberta. A Policía prioriza nestes momentos a hipótese do móbil terrorista deste dobre crime. O país elevou ao nivel 4, o máximo, a alerta terrorista.

Comentarios