Francia desaloxa Versalles por ameaza de bomba após o atentado mortal de Bélxica

A Policía belga matou o sospeitoso do ataque en Bruxelas a segunda feira no que morreron dúas persoas.
Lugar dos ataques a segunda feira en Bruxelas. (Hatim Kaghat / Europa Press / Contacto)
photo_camera Lugar dos ataques a segunda feira en Bruxelas. (Hatim Kaghat / Europa Press / Contacto)

Por segunda vez en catro días, o Palacio de Versalles, en Francia, foi desaloxado esta terza feira de urxencia por “razóns de seguridade”, trasladaron as autoridades locais, após unha ameaza de bomba. O sábado, amais de Versalles, tamén foron evacuados o museo do Louvre, en París, e a estación de tren de Lyon.

Estas medidas, que se suman ao feche de múltiples centros escolares, responden ao aumento do nivel de alerta terrorista en todo o Estado despois de que a pasada sexta feira un xihadista procedente de Inguxetia, Rusia, matara a coiteladas un profesor do instituto Gambetta de Arras, no norte de Francia, e ferira tres persoas do centro educativo, o que motivou a despregadura de 7.000 militares no territorio francés.

O propio instituto onde aconteceron os feitos tivo que ser evacuado a segunda feira logo dunha nova ameaza de bomba. Como no resto de casos, a investigación da Policía francesa non atopou ningún artefacto explosivo.

O presidente de Francia, Emmanuel Macron, insistiu en que “todos os Estados europeos son vulnerábeis” perante o que considerou unha “volta do terrorismo islamista”, e subliñou que hai que “vivir con vixilancia”, apuntando que “non será posíbel vivir nun Estado de dereito sen risco do terrorismo”.

Jean-François Ricard, que dirixe a Fiscalía Antiterrorista, detallou nunha rolda de prensa a terza feira que atoparon un vídeo no teléfono do autor do crime en Arras no que expresa a súa lealdade ao Estado Islámico. 13 persoas foron detidas, entre elas o seu irmán e o seu curmán. Ricard tamén explicou que “amosou o seu apoio aos musulmáns do Iraq, Afganistán e Palestina”, mais “sen vinculalo directamente” coa agresión israelí a Palestina.

Pola súa parte, o titular de Interior, Gérald Darmanin, cifrou en 489 as persoas de orixe estranxeira consideradas perigosas no Estado, das que 300 xa están en prisión, sostivo.

Ataque en Bélxica

Por outra parte, a Policía belga matou dun disparo o presunto sospeitoso dun ataque a segunda feira en Bruxelas, no que morreron dous suecos que se dirixían a un partido da selección de fútbol masculina de Suecia en Bélxica.

O líder do centro de crises de Bruxelas, Rudi Vervoort, afirmou que “todo parece indicar que se trata da persoa que buscan”, tras atoparse a arma coa que se perpetrou o ataque. Amais, sinalou que a información coa que contan apunta que “o ataque está relacionado con obxectivos suecos”, así como que “tamén pode ter vínculos con Suecia”.

Comentarios