O Estado español abstense na votación da ONU sobre se investigar a ocupación israelí de Palestina

A Asemblea Xeral votou a favor da resolución con 87 votos favorábeis, 26 en contra e 53 abstencións.
Resultado da votación da ONU (Foto: Nós Diario).
photo_camera Resultado da votación da ONU (Foto: Nós Diario).

A Asemblea Xeral da Organización das Nacións Unidas (ONU) solicitou á Corte Internacional de Xustiza estudar as consecuencias da ocupación dos territorios palestinos por parte de Israel, despois da toma de posesión do Goberno de Benjamin Netanyahu.

A Asemblea Xeral votou a favor da resolución con 87 votos favorábeis, 26 en contra e 53 abstencións.

As nacións occidentais dividíronse, mentres o mundo islámico actuou de forma unánime, incluídos os países árabes que normalizaron as súas relacións con Israel, co respaldo de Rusia e China.

O Goberno español decidiu absterse na votación.

"Acelerar as políticas coloniais"

O embaixador palestino nas Nacións Unidas, Riyad Mansour, dixo que o voto envía unha sinal ao novo Goberno do primeiro ministro Benjamin Netanyahu sobre os seus esforzos para “acelerar as políticas coloniais e racistas”, e agradeceu ás nacións que se mostraron “inmunes ás ameazas”.

“Cremos que independentemente do seu voto de hoxe, se cren nas leis internacionais e a paz, respectarán o ditame da Corte Internacional de Xustiza cando se emita”, acrecentou Mansour.

Israel e os asentamentos

“Ningún organismo internacional pode decidir que o pobo xudeu é un ocupante na súa propia patria”, respondeu o embaixador israelí ante Nacións Unidas, Gilad Erdan.

"Calquera decisión dun órgano xudicial que recibe o seu mandato da moralmente rota e politizada ONU é completamente ilexítima", afirmou.

A resolución tamén solicita que Israel cese os asentamentos en territorio palestino, mais os votos da Asemblea Xeral non teñen forza legal, a diferenza dos do Consello de Seguridade, onde os Estados Unidos, aliado de Israel, ten poder de veto.

Comentarios