Os Estados Unidos baten en 2022 o seu récord de exportación de petróleo

O país norteamericano é o líder mundial na venda de gas natural licuado.
Refinaría de petróleo na cidade xermana de Schwedt (Foto: Patrick Pleul / DPA).
photo_camera Refinaría de petróleo. (Foto: Patrick Pleul / DPA)

Os Estados Unidos de América (EUA) poderían converterse nun exportador neto de cru en 2023, ao aumentar a súa produción e reducir as súas importacións de petróleo, segundo informou a axencia Reuters.

Os EUA, cuxas exportacións de cru nunca excederon as importacións desde a Segunda Guerra Mundial, venden agora unha cifra récord de 3,4 millóns de barrís de petróleo ao día, ademais de exportar 3 millóns de barrís diarios de produtos refinados.

Pola contra, as importacións diarias de barrís deste combustíbel caeron a 1,1 millóns por día durante o último mes. Ao mesmo tempo, o consumo estadounidense rolda os 20 millóns de barrís por día, o maior nivel do mundo. Neste contexto, os EUA xa producen máis petróleo que ningún outro Estado no mundo, incluíndo Arabia Saudita e Rusia.

Por outra parte, os EUA son os líderes internacionais actuais nas exportación de gas natural licuado, combustíbel cuxa venda, que xa triplicaron entre 2018 e 2021, esperan aumentar nos próximos anos.

O principal factor que provoca estas cifras é a caída das subministracións de cru e gas natural desde Rusia tras o inicio do conflito en Ucraína, xa que as refinerías da UE amentaron as compras aos EUA para compensar a falta de combustíbeis.

Firma rusa di ter ofertas de Alemaña e Polonia

O presidente da empresa de oleodutos rusa Transneft, Nikolái Tókarev, declarou que recibiron solicitudes de Polonia e Alemaña para o bombeo de petróleo en 2023. "Anunciaron que a partir do 1 de xaneiro non van aceptar o petróleo de Rusia, mais agora acábannos de chegar as súas solicitudes", dixo.

Comentarios