Escocia xa ten data para un novo referendo de independencia

Se a Corte Suprema do Reino Unido non o impide, a poboación escocesa poderá ir ás urnas o vindeiro 19 de outubro de 2023.
Nicola Sturgeon, ante o Parlamento escocés. (Foto: Europa Press)
photo_camera Nicola Sturgeon, ante o Parlamento escocés. (Foto: Europa Press)

A primeira ministra de Escocia, Nicola Sturgeon, anunciou esta terza feira ante o Parlamento do seu país que ten pensado levar a cabo un novo referendo de independencia do Reino Unido o vindeiro 19 de outubro de 2023.

Esta cita, que será de carácter consultivo e non vinculante, servirá para que os escoceses e as escocesas respondan á pregunta "Debe Escocia ser un país independente?".

A mandataria recoñeceu que o referendo poderá ser cancelado pola Corte Suprema do Reino Unido, no caso de que esta entenda a decisión do Goberno escocés como un acto ilegal. Nese caso, adiantou que aceptará e respectará a resolución xudicial.

Porén, matizou que de producirse ese escenario, as eleccións xerais de Reino Unido en 2024 serán consideradas por Escocia como uns comicios sobre a independencia.

Carta oficial a Boris Johnson

Após anunciar a súa intención na Cámara lexislativa, Sturgeon divulgou unha carta oficial enviada ao seu homólogo inglés, Boris Johnson, na que o acusa de non respectar o voto "a favor da independencia e o mandato para un referendo" das eleccións de maio de 2021.

"Vostede e eu nunca estaremos de acordo sobre os méritos da independencia de Escocia. Mais agardaría que calquera demócrata estea de acordo en que é inaceptábel que se impida ao pobo de Escocia tomar esa decisión dada a clara maioría no Parlamento a favor dun referendo", precisou a primeira ministra escocesa.

En declaracións recollidas por The Guardian, a dirixente detalla que "agora é o momento de debater e decidir o futuro do noso país", ao tempo que concluíu que non permitirá "que a democracia escocesa sexa prisioneira de Boris Johnson nin de ningún primeiro ministro inglés".

Comentarios