sábado 25/09/21

Sturgeon comprométese a impulsar un referendo de autodeterminación en Escocia nos próximos dous anos

Sempre que a crise da Covid-19 o permita.

escocia

A líder do SNP, Nicola Sturgeon, comprometeuse a impulsar un novo referendo sobre a independencia de Escocia na primeira metade da nova lexislatura; é dicir, nos vindeiros dous anos, mais incidindo en que a prioridade agora é abordar a crise sanitaria.

Así o afirmou a primeira ministra escocesa nun comunicado tras a vitoria do independentismo nas eleccións en Escocia, nas que o SNP e os Verdes (que apoian referendo e independencia) revalidaron a maioría absoluta no Parlamento de Holyrood.

Sturgeon dixo que sería "absurdo, escandaloso e completamente inaceptábel" que o Goberno británico leve aos tribunais a lexislación aprobada polo Parlamento escocés para organizar o referendo, o que significaría "desafiar a democracia escocesa".

"É lexítimo que o goberno do Reino Unido estea en contra da independencia, mais os únicos que teñen que decidir sobre iso son os escoceses", dixo. "E teñen que facelo nun referendo".

O SNP e os Verdes poden formar unha clara maioría independentista no Parlamento escocés logo de acadar, en conxunto, 72 dos 129 escanos dos que dispón a Cámara. A formación de Nicola Sturgeon abeirou, polo tanto, a maioría absoluta cos 64 asentos da súa formación, a un da maioría absoluta.

Os Verdes contribúen aos bos resultados e conseguen oito escanos, até agora tiña seis, mentres que o unionismo acumula 57 representantes (conservadores 31, laboristas 22 e liberal-demócratas 4).

A líder do SNP recalcaba na xornada electoral que “se hai unha maioría simple e democrática no Parlamento escocés para un referendo de independencia, non habería xustificación antidemocrática, electoral ou moral para que Boris Johnson (primeiro ministro do Reino Unido) impedise a consulta nas urnas”. “

comentarios