Londres recoñecía en 1997 o dereito de Escocia a facer un referendo unilateral

Os asesores de Tony Blair manifestáronlle a "preocupación" de Westminster.
EuropaPress_2219549_20_june_2019_england_london_ukformer_prime_ministers_tony_blair_and_gordon
photo_camera Blair, co escocés e tamén exministro Gordon Brown, en Londres (Foto: Henry Nicholls / PA Wire)

Os conselleiros de Tony Blair recoñeceron privadamente que Escocia podería convocar un referendo "no que quixese" sen necesidade de recibir o consentimento de Westminster, segundo se extrae de documentos do exprimeiro ministro desclasificados esta semana e dos que se fixo eco a prensa escocesa.

Un correo electrónico do entón principal asesor de Blair, Pat McFadden, previo aos plans para a devolution (a autonomía) en 1997 tamén revela a "fonda preocupación" de varios parlamentarios escoceses en Westminster sobre a posibilidade de que se abrise a porta a un "canellón sen saída cara á independencia", recolleu The Scotsman.

No correo electrónico dirixido ao xefe de Gabinete do exprimeiro ministro, Jonathan Powell, McFadden citaba as palabras de diversos dirixentes recollidas pola prensa a respecto das especulacións sobre a posibilidade de que un Parlamento escocés tivese a potestade para convocar un referendo de independencia.

Escocia votou a favor da devolution ─a favor de recuperar certa autonomía política similar á atinxida en Galiza co Estatuto de Autonomía de 1981─ en setembro de 1997, o que lle permitiu asumir competencias en asuntos como educación, saúde e transporte. Esta votación chegou como compromiso de campaña do Partido Laborista, que levou a Tony Blair a Downning Street en 1997.

Scotland Act

Os correos electrónicos secretos dos primeiros días de Blair á fronte do Goberno, desclasificados agora polo Arquivo Nacional do Reino Unido, suxiren que dentro de Westminster había o convencemento de que Escocia podía convocar un referendo unilateral.

McFadden escribía: "O modelo de competencias reservadas implica que o Parlamento escocés terá o poder para lexislar en calquera cousa que non estea na lista. Polo tanto poderá facer referendos sobre o que queira, mesmo se non pode sancionar o resultado".

A "Unión de Escocia e Inglaterra" considerase unha competencia de Westminster, de acordo coas seccións 29 e 30 da Scotland Act de 1998, a lei do Parlamento británico que estabeleceu a devolution. Esa foi a base que se deron Edimburgo e Londres para negociar a convocatoria do primeiro referendo de independencia, o de 2014. 

E a este argumento é que se aferra agora Boris Johnson para impedir unha segunda consulta. Polo momento, o Goberno escocés insiste en que o indyref2 debe ser negociado con Londres, mais se Johnson non cede podería avanzar de maneira unilateral. E tal e como se asumía en 1997, podería ter argumentos xurídicos ao seu favor chegado o caso. 

Comentarios