Maggie Lennon: "O Goberno escocés quere un referendo recoñecido"

Maggie Lennon fai parte do Comité Executivo da organización escocesa Mulleres pola Independencia. Nós Diario conversa con Lennon sobre a actividade desta organización e da actualidade de Escocia, onde a posibilidade dun novo referendo de independencia en 2023 marca gran parte da axenda política.
A escocesa Maggie Lennon. (Foto: Arxina)
photo_camera A escocesa Maggie Lennon. (Foto: Arxina)

—Cal é o traballo que desenvolve a organización escocesa Mulleres pola Independencia?

Poñemos o foco en que o vindeiro referendo para a independencia de Escocia teña lugar en 2023. Mulleres pola independencia é a única organización independentista que, fóra do ámbito dos partidos políticos, ten traballado sen descanso por un novo referendo desde que tivo lugar o anterior, en 2014. A situación da Covid complicou moito a acción do asociacionismo, así que agora estamos moi centradas en construír de novo cadros organizativos e intentar que novos grupos se involucren connosco ao longo do territorio escocés. Polo de agora xa somos un milleiro de mulleres as que pertencemos a Mulleres pola Independencia.

Nos últimos 18 meses tamén estivemos a desenvolver o 'Womanifesto', onde estabelecemos as nosas reivindicacións como mulleres en Escocia tanto a nivel inmediato como  aquelas que pensamos que se deberían desenvolver despois da independencia da nosa nación.

De feito, o nome completo da nosa organización é Mulleres pola Independencia e Independencia polas Mulleres. Non puxamos por un simple cambio constitucional senón que queremos traballar con outras organizacións de mulleres de Escocia para facer mellores as leis que afectan ás mulleres.

—Haberá referendo en 2023?

A lexislación para un referendo está a ser escrita no Parlamento escocés (Holyrood), mais en 2014, cando tivemos o primeiro referendo, había un acordo formal entre Holyrood e Westminster (Parlamento do Reino Unido) para aceptar o resultado das votacións así como para acordar a pregunta que se formularía. Ademais tamén existía recoñecemento internacional. Pola contra, desde 2014 o Westminster afirma que non nos vai permitir realizar un novo plebiscito, e isto podería provocar unha situación similar á que vimos en Catalunya en 2017.

A primeira ministra de Escocia, Nicola Sturgeon, sempre di que non quere ter un referendo nesas condicións, que non quere que ninguén poida cuestionar a validez do mesmo, nin o Westminster nin a comunidade internacional. Boris Johnson e as autoridades do Reino Unido apelan a unha frase do ex primeiro ministro escocés Alex Salmond nunha entrevista despois de renunciar ao mandato na que dixo que se perdera unha oportunidade única nunha xeración, mais isto é simple retórica que non está escrita en ningunha lei. Temos motivos, 65% da poboación escocesa votou contra o Brexit. Moita xente que votou en contra da independencia di agora que votaría 'si' se iso significase volver facer parte da UE.

—Haberá acordo co Reino Unido?

Non sei a resposta a esa pregunta. Escocia é un país moi rico, o Reino Unido quere manter o control sobre os nosos recursos. Mais hai un factor realmente interesante, hai uns anos diría que Escocia sería independente moito antes do que Irlanda fose reunificada, e xa non estou tan segura. Pode que Irlanda se una máis rápido, e se iso pasa, a ruptura do Reino Unido terá comezado, a Unión estaría danada e iso facilitaría a Escocia o camiño para negociar unha saída. Irlanda podería crear un efecto dominó. 

—Cal é a súa opinión sobre o Goberno de Nicola Sturgeon?

O primeiro Goberno do Scottish National Party sorprendeume, fixérono moi ben e os discursos de Sturgeon deixáronme realmente impresionada, leváronme a facer parte deste partido. Para min eran unha forza disruptiva, mais agora levan 15 anos no Goberno, xa non o son, e córrese o perigo de que medre o sentimento de que están máis preocupados por manter o poder que en moverse cara ao seguinte escenario, que é a convocatoria dun novo referendo.

"A independencia ten que mudar Escocia"

Maggie Lennon afirma que non quere "unha Escocia independente que sexa o mesmo país que é agora". Sinala que a independencia non debe significar "un mero cambio de bandeira", senón ser unha ferramenta para mudar a "uns valores diferentes" nun país "no que se lle dean oportunidades ás nosas crianzas", se "defendan os dereitos das mulleres" e "as persoas maiores teñan os coidados adecuados". "Agora, Londres até decide por nós en temas que maioritariamente concirnen a Escocia, como as cotas pesqueiras", denuncia Lennon. A independencia mudaría o sistema político e o Scottish National Party quebraría entón en forzas diversas, explica. "É un partido amplo, do que eu fago parte, mais estou á esquerda dunha forza ampla na que mesmo hai membros de dereitas". "Ao Labour Party pasaríalle o mesmo, encantaríame ver un verdadeiro socialismo en Escocia no primeiro plano".

Comentarios