Escocia reafírmase no independentismo

A vitoria do SNP ao bordo da maioría absoluta reforza o liderato de Sturgeon e garante un novo referendo pola independencia.
photo_camera Nicola Sturgeon, líder do Partido Nacional Escocés. (Foto: Berria)

A líder do Partido Nacional Escocés (SNP), Nicola Sturgeon, proclama a súa vitoria nas eleccións parlamentarias que se levaron a cabo na pasada quinta feira. O SNP vence por cuarta vez consecutiva e a súa candidata asegura que traballara para darlle ao electorado a posibilidade de “decidir o seu futuro”.

O SNP e os Verdes volven así formar unha clara maioría independentista no Parlamento escocés logo de acadar, en conxunto, 72 dos 129 escanos dos que dispón a Cámara. A formación de Nicola Sturgeon roza, polo tanto, a maioría absoluta cos 64 asentos da súa formación, a un da maioría absoluta.

Os Verdes contribúen aos bos resultados e conseguen oito escanos, até agora tiña seis, mentres que o unionismo acumula 57 representantes (conservadores 31, laboristas 22 e liberal-demócratas 4).

“O pobo de Escocia debe decidir o seu futuro cando a Covid-19 pase”, asegurou Nicola Sturgeon no serán do sábado ao coñecer os resultados das votacións. “As únicas persoas que poden decidir o futuro da Escocia son os escoceses e as escocesas, os políticos de Westminster non poden nin deben interporse nese camiño”, afirmou Sturgeon.

A líder do SNP recalcaba na xornada electoral que “se hai unha maioría simple e democrática no Parlamento escocés para un referendo de indenpendencia, non habería xustificación antidemocrática, electoral ou moral para que Boris Johnson (primeiro ministro do Reino Unido) impedise a consulta nas urnas”. “Se isto acontecese na maioría das democracias do mundo, sería unha discusión absurda”, apuntou.

Sturgeon non ten dúbidas de que estes resultados son “históricos e extraordinarios” nunhas eleccións con 64% de participación. Aínda así o primeiro que fará o novo goberno escocés, di, será  traballar pola recuperación do país logo da crise provocada pola Covid-19.

Boris Johnson repetiu na sexta feira ao Daily Telegraph que considera a realización dun referendo neste momento “imprudente e irresponsábel”. “Non creo que este sexa o momento para ter unha disputa constitucional, para dividir o país, cando o que as persoas queren é recuperar a nosa economía e camiñar xuntos”, afirmou. Mais unha vez coñecidos os excelentes resultados do SNP, o primeiro ministro británico convidou a Nicola Sturgeon e ao ministro principal de Gales, o laborista Mark Drakeford, e aos líderes de Irlanda do Norte a participar nun "cumio de recuperación da Covid-19".

Unha oferta que se recibiu con escepticismo por parte de Sturgeon e Drakeford polo desdén mostrado por Johnson cara ás "outras nacións", alén de Inglaterra, durante a negociación do Brexit. "Creo con paixón que os intereses do Reino Unido, e en particular do pobo de Escocia están mellor servidos cando traballamos xuntos, como vimos no despregue da campaña de vacinación", escribiu Johnson nunha carta. 

Parlamento en feminino

Nunca o Parlamento escocés foi tan inclusivo, con 58 mulleres electas. A última vez que houbo tanta representación feminina foi en 1999, cando 48 deputadas entraron na Cámara. Tamén foron elixidas as primeiras deputadas pertencentes a minorías, incluíndo a primeira muller negra e musulmá, así como a primeira deputada en cadeira de rodas.

Salmond queda fóra

O candidato Alex Salmond, Alba Party, non conseguiu sumar escanos para a "supermaioría" que reclamaba, ao non conseguir a súa entrada no Parlamento de Holyrood. Tras pedir o voto para o SNP, presentou candidatos ás listas rexionais pero os seus apoios non chegaron a 3% necesario.

Durante a campaña Salmond e os seus compañeiros de formación denunciaron o "boicot" dos grandes medios, mais o certo é que a súa popularidade entre o electorado xa era moi baixa, segundo indicaban as enquisas, un feito derivado das acusacións de acoso sexual dirixidas a Salmond e mais do enfrontamento que protagoniza con Nicola Sturgeon.

Comentarios