As enquisas adiantan que a proposta de Constitución da extrema dereita en Chile será rexeitada no plebiscito

O texto deseñado pola extrema dereita chilena prohibe o aborto e as folgas no sector público.
José Antonio Kast, líder do Partido Republicano de Chile, de extrema dereita. (Foto: Nós Diario)
photo_camera José Antonio Kast, líder do Partido Republicano de Chile, de extrema dereita. (Foto: Nós Diario)

O 17 de decembro deste ano está previsto que decorra en Chile a votación da segunda proposta para substituír a Carta Magna imposta pola ditadura de extrema dereita de Augusto Pinochet. Como a primeira, todo indica que será rexeitada, sostén un traballo demoscópico de Cadem divulgado na madrugada de hoxe pola axencia Prensa Latina.

51% das persoas que participaron na sondaxe sostiveron que votarán en contra, 34% a favor e até 15% non definiu a súa posición ou preferiu non contestar. Noutra enquisa publicada poucas horas antes, a de Pulso Ciudadano, inclúese unha estimación que afirma que 69,7% da poboación votaría en contra de desenvolverse hoxe o plebiscito, mentres que 30,3% das chilenas e chilenos estarían a favor.

Extrema dereita e conservadores

A proposta constitucional foi elaborada entre a extrema dereita do Partido Republicano e os conservadores de Chile Imos, que obtiveron a maioría no Consello Constitucional nas eleccións de maio deste ano.

De ser aprobada, acabaría co dereito ao aborto no país -que xa está limitado a tres causas: Perigo para a vida da nai, inviabilidade do embarazo ou violación- ou coa paridade de xénero no lexislativo.

Veto ás greves

Tamén prohibe as folgas de traballadoras e traballadores públicos ou de sectores estratéxicos, veta a negociación colectiva e consolida as empresas privadas como o epicentro do sistema de saúde e pensións, á vez que limita o papel dos sindicatos.

Outro dos aspectos máis criticados polos movementos sociais e forzas progresistas é o apartado orientado a que persoas condenadas por violacións dos dereitos humanos na ditadura poidan acceder á reclusión domiciliaria.

Comentarios