Chile rexeita a proposta de Constitución e camiña cara a outro proceso constituínte

O presidente anuncia cambios no Goberno despois dunha derrota que a dereita trata de capitalizar, aínda que a meirande parte das forzas defende un novo proceso de redacción constitucional.
O presidente chileno, Gabriel Boric, chega esta segunda feira á Moneda. (Foto: Diego Martín / Agencia Uno)
photo_camera O presidente chileno, Gabriel Boric, chega esta segunda feira á Moneda. (Foto: Diego Martín / Agencia Uno)

O pobo chileno rexeitou de forma maioritaria a proposta de nova Constitución elaborada pola Convención Constitucional, o que obriga a reiniciar o proceso para redactar unha nova proposta, tras optar en 2020 case 80% dos votantes por acabar co texto vixente, impulsado pola ditadura de Augusto Pinochet.

Os resultados foron claros: 61,86% optou o domingo polo “rexeito”, mentres que 38,14%  introduciron a papeleta do “aprobo”, cunha participación de 86% após recuperarse nestes comicios o voto obrigatorio. A negativa impúxose no plebiscito en todas as rexións chilenas, vencendo o apoio á proposta constitucional en só 8 das 346 comunas do país (tres en Valparaíso e cinco na capital, Santiago de Chile), así como nas mesas instaladas na emigración.

"Recollo esta mensaxe e fágoa propia, hai que escoitar a voz do pobo", dixo Boric

Pouco despois de confirmarse os resultados, xa na madrugada de onte na Galiza, o presidente, Gabriel Boric, recoñeceu a derrota nas urnas e sostivo que “recollo esta mensaxe e fágoa propia, hai que escoitar a voz do pobo”. Boric anunciou que haberá un novo proceso constituínte cun fragmentado Congreso como “protagonista”, e mais cambios no seo do Executivo para “facer fronte a importantes desafíos”. Cando menos dous dos integrantes do gabinete substituídos serán Izkia Siches e Giorgio Jackson, moi próximos a Boric, revela La Hora.

Tanto para os medios locais como para a oposición, Boric é o principal afectado por este resultado, primeiro por ser un dos primeiros valedores do proceso como solución ás revoltas sociais que xurdiron en 2019, mais tamén por mor de que a coalición que o levou ao poder, Aprobo Dignidade, converteuse a nivel político na cara da campaña de apoio.  De feito, o nivel de aprobación do mandatario nas enquisas é moi similar aos resultados do “aprobo”.

Causas

O rexeitamento á Constitución, que superou por ampla marxe as cifras que manexaban as enquisas, ten varias causas, entre elas unha das máis significativas foi a división no arco progresista, explica La Tercera.

Ao sumarse parte do centro esquerda á campaña en contra, especialmente persoeiros do Partido Demócrata Cristián e do Partido pola Democracia, fundado polo ex presidente Ricardo Lagos, alargouse o marco político do “rexeito”, que até entón estaba copado pola dereita.

Arredor desa cuestión, Isabel Castillo, investigadora da Universidade de Chile, advertiu en El Mercurio que aínda que na campaña “tiveron maior protagonismo figuras de centro esquerda ou ex centro esquerda, á hora das negociacións esta xente non está presente, e a que si ten poder 
é a dereita”.

Ademais, os estudos demoscópicos estiman que aproximadamente a metade do rexeite á nova Constitución responde á visión negativa sobre a Convención. Ao longo do proceso producíronse varios escándalos que cuestionaron o seu traballo, desde o descubrimento de que un convencional mentira sobre un diagnóstico de cancro, a intervencións con disfraces pasando por representantes votando desde a súa ducha.

Esta situación foi explotada polos medios conservadores do país nunha votación marcada pola desinformación previa, que reiteraba, entre outras cousas, que a propiedade privada sería abolida.

Boric trata de impulsar a redacción dun novo texto

Tanto ao interior da campaña do “aprobo” como do “rexeito”, sinalábase antes do plebiscito que se a poboación non aceptaba a Constitución habería que reiniciar o proceso. Non obstante, con visións diferentes; pois entrementres os primeiros apuntan que as chilenas e chilenos xa aprobaron en 2020 que tería que facelo unha asemblea elixida para iso, os conservadores procuran que o Congreso teña un maior peso, o que lles permitiría bloquear aqueles aspectos cos que non concorden.

Pola súa parte, Boric convocou onte unha xuntanza con todos os partidos políticos para avaliar o mellor camiño. Con todo, Chile Vamos, a principal forza conservadora, trasladou que non asistiría, reclamando unha lectura crítica do resultado ao Executivo antes de aceptar, e ratificando a súa disposición a seguir o proceso de cambio constitucional.

Comentarios