Acordo en Chile para elaborar unha nova Constitución nun ano

A nova proposta será votada en novembro de 2023, e, en base ao pacto entre as forzas políticas chilenas, contará con maior número de propostas conservadoras, evitando un texto tan progresista como o rexeitado no plebiscito de setembro.
O presidente croata, Zoran Milanovic, e o seu homólogo chileno, Gabriel Boric, a segunda feira. (Foto: Sebastian Beltran Gaete / Agencia / DPA)
photo_camera O presidente croata, Zoran Milanovic, e o seu homólogo chileno, Gabriel Boric, a segunda feira. (Foto: Sebastian Beltran Gaete / Agencia / DPA)

Tras máis de tres meses de negociacións entre as forzas políticas chilenas para reactivar o proceso constituínte após imporse o rexeito no plebiscito sobre a proposta de Constitución redactada pola Convención Constitucional, os partidos anunciaron na madrugada da terza feira un pacto para relanzar o proceso, que acabaría cun referendo de voto obrigatorio o 26 de novembro de 2023.

O procedemento acordado dista moito da anterior ocasión e choca coa decisión da poboación no denominado plebiscito de entrada en 2020, cando, amais de ser aprobado por 78% das e dos votantes substituír a norma constitucional sancionada polo ditador Augusto Pinochet, até 79% dos sufraxios decidiron que tiña que ser unha convención elixida democraticamente e non unha convención mixta (parte de membros electos e parte elixida polo lexislativo) a responsábel de impulsar unha nova carta magna.

Nesta oportunidade, crearanse tres órganos, unha Comisión Experta, un Consello Constitucional e un Comité Técnico de Admisibilidade. A primeira terá 24 membros seleccionados polo Congreso e ficará encargada de presentar un anteproxecto de Constitución.

A partir dese texto, o Consello paritario de 50 integrantes que serán determinados por votación popular en abril deseñará a nova proposta, e entrementres, o Comité Técnico de 14 xuristas avalados polo lexislativo revisará a legalidade dos artigos.

“O pobo de Chile deunos unha segunda oportunidade e temos o deber de estar á altura”, defendeu o presidente, o progresista Gabriel Boric, que considerou que o acordo entre todas as forzas con representación constitúe “un paso decisivo por unha mellor democracia”, salientando que “todos tiveron que ceder” e instando o Congreso a aprobar unha lei que leve á práctica este concerto.

Así e todo, o que é seguro é que a proposta que será votada en 2023 incluíra moitos máis elementos conservadores que a rexeitada en setembro -e que de aprobarse se tería convertido nunha das cartas magnas máis progresistas do mundo-, como fixan as 12 bases constitucionais pactadas, nas que se mencionan garantías ao "dereito á vida" -terminoloxía conservadora para oporse ao dereito ao aborto-.

Tamén se recolleu o “desenvolvemento progresivo dos dereitos sociais”, pero “con suxeición ao principio de responsabilidade fiscal”, e recoñece os pobos indíxenas como parte de Chile, mais ratificando que é “unha e indivisíbel”.

Ao tempo, féchase a posibilidade de mudanzas nas principais institucións, para evitar a desaparición do Senado como propugnaba a primeira proposta.

Comentarios