Emiratos Árabes ou Catar, cun menor índice de corrupción que o Estado español

Os datos de 2021 do Índice de Percepción da Corrupción, ofrecidos por Transparencia Internacional, deixan o Estado español nunha posición peor que en 2020, ocupando o posto número 14 entre os 27 estados membro da UE.
Entrada á Audiencia Nacional. (Foto: Óscar Cañas / Europa Press).
photo_camera En 2021 decorreu perante a Audiencia Nacional o xuízo polo caso 'Kitchen' (Foto: Óscar Cañas / Europa Press).

O colectivo Transparencia Internacional sinalou esta terza feira que o Estado español baixou un punto a respecto de 2020 no Índice de Percepción da Corrupción (IPC), algo que, sinala, reflicte que "segue latente" un nivel de corrupción que incide no bo funcionamento das institucións democráticas, e que require unha chamada á acción ás autoridades públicas, ao sector privado e á sociedade civil.

Así o explican nun comunicado, no que sinalan que España obtivo neste índice unha cualificación de 61 sobre 100, polo que ocupa o posto 34 na clasificación global xunto con Lituania. Engaden que o Estado español descendeu dous postos a respecto do índice do pasado ano, e que con estes novos resultados sfica no posto número 14 dos 27 estados membro da Unión Europea.

Con todo, matizan que dada a metodoloxía usada unha diferenza dun punto a respecto do ano pasado "non é estatisticamente significativa". A nivel comparativo, o informe reflicte que España empeorou en relación con varios países cos que compartía unha puntuación e posición semellante en edicións anteriores.

Así, varios dos países que en 2020 estaban por baixo de España — como Portugal, Lituania ou Corea do Sur— agora supérana, e aqueles que tiñan puntuacións superiores pero estaban próximos na clasificación, este ano afastáronse aínda máis —Barbados, Bahamas ou Catar—. Por outra parte, aqueles países que se atopaban moi por baixo da posición española reduciron a súa diferenza de forma notábel —Israel, Letonia, San Vicente e Granadinas e Cabo Verde—, quedando agora moi perto de España.

No contexto da Unión Europea, e tamén a nivel comparativo, España foi adiantada por dous países cos que sempre mantivo unha relación parella: Lituania e Portugal. En calquera caso, Transparencia Internacional considera que unha economía como a española, que fica entre as 15 primeiras do mundo, non debería estar por baixo dos 70 puntos no índice se quere manter a súa imaxe e competitividade.

Deste modo, o Estado español fica por baixo de países como Emiratos Árabes Unidos (EAU), Bután, Catar ou os Estados Unidos de América (EUA), que, segundo este índice, teñen menores niveis de corrupción.

Dinamarca, Finlandia e Nova Zelandia, os menos corruptos

Segundo o estudo, a puntuación media global fica en 43 puntos por décimo ano consecutivo, e dous terzos dos países non chegan a 50 sobre 100. Á cabeza sitúanse Dinamarca (88), Finlandia (88) e Nova Zelandia (88). Estes tres países tamén se atopan entre os dez mellor puntuados no que atinxe ás liberdades civís, segundo o informe Democracy Index.

No lado oposto están Somalia (13), Siria (13) e Sudán do Sur (11), que obteñen de novo as puntuacións máis baixas do índice. Siria é tamén o último país en materia de liberdades civís —Somalia e Sudán do sur non están cualificados—. Na última década, 154 países sufriron unha deterioración ou non avanzaron substancialmente neste eido. Así, 23 países decaeron no índice desde 2012, entre eles algunhas economías avanzadas como Australia (73), Canadá (74) ou os EUA (67).

Índice de Percepción da Corrupción 2021 (Fonte: Transparencia Internacional).

Metodoloxía do estudo

Os datos de 2021 indican que os niveis de corrupción están estancados a nivel mundial, con escaso ou ningún progreso en 86% dos países avaliados no últimos dez anos. Este índice, engade, clasifica 180 países e territorios segundo o nivel de percepción experta da corrupción no sector público de cada un deles, medido a través de datos de 13 fontes externas, nunha escala de cero —moi corruptos— a cen —moi limpos—.

Explica o comunicado que se miden aspectos como o suborno, o desvío de fondos públicos —malversación—, a preponderancia de funcionarios públicos que utilizan a función pública para o proveito persoal, o funcionamento das institucións públicas para previr a corrupción e facer cumprir as normas, a existencia de exceso de burocratización que permitan incrementar as oportunidades de corrupción, as formas de acceso á función pública e a existencia de nepotismo, o axuizamento efectivo de funcionarios, a protección legal de denunciantes, xornalistas e investigadores, a captura do Estado por intereses privados e o acceso da sociedade civil á información sobre asuntos públicos.

Comentarios