A oposición acusa a Xunta de cometer "corrupción en A" para favorecer o lobby enerxético

A proliferación de proxectos de megaparques eólicos na Galiza deu lugar a un debate de alta tensión no Parlamento con acusacións contra Feixoo de propiciar unha "corrupción en A" mudando leis "no DOG" para favorecer grandes compañías eléctricas. 

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, na sesión de control ao Goberno no Parlamento galego (Foto: Ana Varela)
photo_camera O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, na sesión de control ao Goberno no Parlamento galego (Foto: Ana Varela)

O modelo eólico do Goberno galego, a proliferación de proxectos de megaparques de aeroxeradores na Galiza e o sistema enerxético propiciaron esta cuarta feira, 9 de xuño, un debate de alta tensión entre os líderes dos partidos da oposición, a nacionalista Ana Pontón e o socialista Gonzalo Caballero, co titular do Executivo galego, Alberto Núñez Feixoo, na sesión de control ao Goberno no Parlamento galego.

"Corrupción en A do PP" 

A portavoz do Bloque sinalou que "a corrupción do PP non é só a B que está na sede de Xénova, senón tamén a corrupción en A" que representa un presidente que actúa de "delegado" das compañías eléctricas "cambiando as leis" para favorecer as grandes enerxéticas "desde o Diario Oficial da Galiza (DOG)".

Na súa intervención, Pontón aproveitou para contrapor o sistema eólico da Xunta "cun modelo respectuoso" co medio rural, coa xente, co territorio e "con participación pública nos beneficios da riqueza eólica". Pediu así que "a instalación de nova potencia e novos parques se vincule a proxectos industriais que xeren emprego e un modelo enerxético que abarate a factura da luz nunha Galiza produtora neta de electricidade”.

Na quenda de resposta, Feixoo afeou ao BNG que permaneza instalado nun "nacionalismo rancio" de "oporse a todos os proxectos" pensados para a Galiza e aos socialistas de estar "obsesionados" con ligar "as súas siglas" co "verde", o que o levou a sentenciar que as leis do PSOE en materia ambiental "non levan España a ser máis verde, senón máis pobre". Así respondeu a Caballero, logo de este acusar a Xunta de levar a cabo "políticas tóxicas" para o medio e de manterse até hai pouco no "negacionismo" do cambio climático.

Rede Natura paralizada

O secretario xeral dos socialistas tamén acusou a Xunta de ser un "Goberno tóxico" para "a Galiza do futuro" como, ao seu xuízo, demostran a falta de ampliación da Rede Natura, a ausencia de plans directores en dous dos seis parques naturais que hai na Galiza, que 72 das especies en perigo de extinción carezan de plans de recuperación ou que os orzamentos da Xunta "reduciran 35%" as partidas dedicadas a políticas ambientais respecto a ás contas de 2009 (último ano do goberno do PSdeG e BNG na Xunta).

"O Goberno que prohibe parques eólicos en Rede Natura é o que senta nestes escanos", sentenciou Feixoo despois de que Pontón e Caballero reprocharan ao Executivo que esa rede de protección do medio "leve dez anos sen ampliarse porque llo pide [á Xunta] o sector eólico".

Ecos do bipartito

O debate trouxo ecos do Goberno bipartito do PSdeG e BNG na Xunta (2005-2009), no que o Bloque tiña competencias do sector eólico dentro da Consellaría de Industria. Para Pontón esa etapa representou un freo á implantación de parques en espazos protexidos que, dixo, rompeu coa chegada de Feixoo, que  replicou asegurando que as eléctricas "tiñan bastantes máis privilexios" na etapa do bipartito. 

A nacionalista expuxo que "hai máis de 4.000 aeroxeradores en 106 concellos, todos no rural, pequenos municipios que levan décadas soportando o custo ambiental sen ver beneficios, perdendo poboación, emprego e servizos". Os concellos reciben menos de 5% do beneficio eólico, denunciou, chamando a que a eólica non sexa beneficio para grandes empresas, "exemplo de portas xiratorias" para "cargos do PP e PSOE".

Comentarios