A empresa de Sánchez Galán é o primeiro operador en enerxía renovábel da Galiza

A sombra da corrupción cerca Iberdrola

A corrupción paira sobre Iberdrola desde hai anos. A eléctrica está sendo investigada neste momento pola xustiza mexicana e española. A declaración onte do seu presidente, Ignacio Sánchez Galán, na Audiencia española abre unha nova fronte legal para o primeiro operador de renovábeis da Galiza.

feixoo galán iberdrola
photo_camera Ignacio Sánchez Galán saudando a Alberto Núñez Feixoo.(Foto:Nós Diario)

A relación mercantil de Iberdrola co comisario José Manuel Villarejo vén de lonxe. Segundo a instrución aberta polo maxistrado da Audiencia española Manuel García-Castellón remóntase a 2004, cando o policía foi contratado pola eléctrica para infiltrarse nun movemento veciñal de oposición á central térmica de Arcos da Fronteira (Cádiz) e para investigar a vida privada dun competidor, Manuel Pizarro, naquela altura presidente de Endesa.

As fontes xudiciais cifran os pagamentos de Iberdrola a Villarejo en 1,13 millóns de euros. Os traballos do policía para a eléctrica son do máis diverso e, entre eles, inclúense investigar políticos, xuíces, empregados, competidores e accionistas como Florentino Pérez, que chega a posuír 20% de Iberdrola a través de ACS. Precisamente, por esta relación mercantil, declararon onte como investigados na Audiencia Ignacio Sánchez Galán, presidente de Iberdrola, e Fernando Becker, antigo conselleiro do PP en Castela e León e ex delegado da eléctrica no Estado.

García-Castellón atribúe a Sánchez Galán e a outros directivos da eléctrica delitos continuados de suborno activo, contra a intimidade das persoas e falsidade en documento mercantil. Neste sentido o primeiro executivo de Iberdrola foi acusado de facer parte dunha rede de facturas falsas para pagar os servizos do policía, unha vez que o xefe de seguridade da compañía, Antonio Asenjo, recoñeceu diante da Fiscalía a manipulación dos conceptos de facturas aboadas á empresa de Villarejo.

Galán negou onte na súa declaración calquera relación co contrato a Villarejo pero recoñeceu a relación do comisario con Iberdrola. "Nin ordenei, nin autoricei nin coñecía nada", salientou, segundo fontes xudiciais, o presidente da eléctrica diante do maxistrado. Ao tempo, estas mesmas fontes afirmaron que Galan apunta a responsabilidade dos seus subordinados nos encargos a Villarejo.

A corrupción persegue a Galán

A sombra da corrupción persegue a xestión de Sánchez Galán desde hai anos. Así, por exemplo, en abril de 2015, a Axencia Tributaria denunciaba ante a Fiscalía Anticorrupción unha suposta rede de comisións de Iberdrola e outras eléctricas a políticos e altos cargos de Castela e León, todos pertencentes ao Partido Popular (PP), por un valor estimado en 110 millóns para a autorización rápida de parques eólicos.

Ademais, en febreiro de 2021, o presidente mexicano Andrés López Obrador defendeu a Comisión Federal de Electricidade(CEF) argumentando que "querían que desaparecese para favorecer empresas particulares sobre todo estranxeiras, corruptas... Imaxinen canto imos aforrar se se deixan de entregar subsidios a estas empresas estranxeiras, a Iberdrola, por exemplo, que se lle entregan subsidios, non só se lle compra caro polos contratos que se estabeleceron coa CFE, cómpralle a enerxía a prezos elevados".

As sancións contra a eléctrica por parte da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia por manipular o prezo da enerxía eléctrica son coñecidas. En novembro de 2015, impónselle unha multa por alterar "fraudulentamente" o mercado mediante incrementos do prezo da oferta das centrais hidráulicas dos ríos Douro, Sil e Texo en 2013.

Malia o anterior, o 23 de xullo de 2021, xusto un mes despois de ser imputado, a Confederación de Empresarios da Coruña organizaba unha homenaxe ao executivo da eléctrica, onde participou o presidente da patronal española, Antonio Garamendi, e o mandatario galego. A súa presenza na xornada foi interpretada como un xesto de apoio ao presidente de Iberdrola nun momento delicado.

A relación de Núñez Feixoo e Sánchez Galán

Unha das imaxes máis icónicas da primeira toma de posesión do actual presidente galego foi o abrazo co presidente de Iberdrola. Aquel xesto de amizade e complicidade produciuse tras a campaña de Sánchez Galán contra o plan eólico impulsado polo Goberno bipartito do PSOE e BNG, finalmente anulado tras a chegada á Xunta da Galiza do Partido Popular.

Sánchez Galán desenvolveu un papel chave na oposición a aquel concurso eólico. O ex vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, ten recoñecido implicitamente a existencia desas presións.

Así, nunha entrevista en 2018, recoñeceu que "tiven entrevistas con xente de Fenosa, de Endesa, de Iberdrola…" e "avisábanme. Avisábannos de que eles non estaban de acordo, que non ían quedar parados, que ese era o seu mundo"

Iberdrola en cifras na Galiza

Iberdrola é o primeiro operador en enerxía renovábel da Galiza, liderando o mercado da xeración no ámbito da eólica terrestre e da hidráulica. Ao tempo, traballa en diversos proxectos no ámbito da eólica mariña, cunha solicitude de instalación de potencia de máis de 1.000 megawatts.

Comentarios