VÍDEO | O primeiro ministro de Portugal comparece após dimitir do cargo

O presidente da República, Marcelo Rebelo de Sousa, a quen a dereita pide que convoque eleccións, comparecerá a vindeira quinta feira.
O primeiro-ministro de Portugal, Antonio Costa, o passado mês de março em Bruxelas. (Foto: Nicolas Maeterlinck)
photo_camera O primeiro-ministro de Portugal, Antonio Costa, o passado mês de março em Bruxelas. (Foto: Nicolas Maeterlinck)

O primeiro ministro portugués, António Costa, presentou esta terza feira a súa dimisión do cargo despois de ser incluído nunha investigación da Fiscalía por presuntos delitos de prevaricación e corrupción vinculados ao sector do litio e o hidróxeno verde no seo do Goberno, se ben non foi acusado formalmente polo momento.

“Teño entendido que a dignidade non é compatíbel con ningunha sospeita. A dignidade das funcións do primeiro ministro non é compatíbel con ningunha sospeita sobre a súa integridade, e por iso, obviamente, presentei a miña dimisión”, anunciou Costa tras reunirse co presidente, Marcelo Rebelo de Sousa.

Desde o Palácio de São Bento, sede Asemblea portuguesa, Costa comezou a súa intervención ante os medios mostrando a “sorpresa” que sentiu cando foi incluído na investigación. “Fecho unha etapa coa conciencia limpa” de calquera acto “ilícito ou censurábel”, dixo, ao tempo que anunciou que colaborará coa Xustiza “en todo o que sexa necesario”.

“Polo que sei, non estou acusado nin sei que feitos cometín”, aseguro o até o de agora primeiro ministro, que insistiu en que está en xogo o prestixio das institucións, xustificando a súa dimisión en que a cidadanía teña “total confianza” en quen lidera o Executivo.

Ademais, Costa anunciou que non se presentará ás vindeiras eleccións e que agora depende de Rebelo de Sousa decidir “a data a partir da cal entrará en vigor [a convocatoria de eleccións]”. “A última cousa que vou facer é condicionar ao señor presidente da República”, sinalou.

Rebelo de Sousa confirmou que aceptou a dimisión presentada por Costa e afirmou que convocou ás forzas parlamentarias para esta cuarta feira. Un día despois, na quinta feira, terá lugar un Conselho de Estado, tras o cal o presidente da República se dirixirá á cidadanía desde o Palácio de Belém.

Escoitar os partidos e o Conselho de Estado é un requisito obrigatorio, fixado no artigo 133 da Constitución lusa, para que o presidente poida disolver o lexislativo e que o país desenvolva comicios lexislativos adiantados. Tamén pode destituír o Goberno “cando sexa preciso para asegurar o regular funcionamento das institucións democráticas”, para o que só precisa escoitar o Conselho de Estado.

A oposición de dereita pide eleccións

A oposición de dereita en Portugal pediu ao presidente Rebelo de Sousa que convoque rapidamente eleccións anticipadas. Así o fixo tanto o líder liberal Rui Rocha como o ultradereitista André Ventura, mentres que a principal forza conservadora, o Partido Social Demócrata, aínda non reaccionou. Na esquerda, tan só se manifestou o deputado do Livre, Rui Tavares, que chamou a respectar os tempos das institucións.

Comentarios