O presidente do Supremo denuncia a "corrupción instalada" en Portugal, "que ten unha expresión moi forte na Administración pública"

O Estado privatiza Efacec asumindo a maior parte do risco económico
O presidente do Supremo Tribunal de Portugal, Henrique Araújo, na súa toma de posesión en 2021. (Foto: Supremo Tribunal de Justiça de Portugal)
photo_camera O presidente do Supremo Tribunal de Portugal, Henrique Araújo, na súa toma de posesión en 2021. (Foto: Supremo Tribunal de Justiça de Portugal)

Henrique Araújo, presidente do Supremo Tribunal de Justiça luso, cuestionou nunha entrevista publicada hoxe polo xornal Nascer do Sol a “corrupción instalada” no país, denunciando que “a Xustiza non é unha prioridade para o poder político”.

O maxistrado, que lidera o tribunal desde 2021, sinalou que “sabemos que os casos de corrupción teñen aumentado”, ao tempo que as investigacións neste sentido, mais “os resultados fican moi por baixo do que se sabe que existe”.

Delito de enriquecemento ilícito

Arredor desta cuestión, reclamou crear un delito de enriquecemento ilícito, que “sería un bo instrumento para combater o fenómeno da corrupción que está instalada en Portugal e que ten unha expresión moi forte na Administración pública”.

No que atinxe ao final do proceso de privatización de Efacec, anunciado polo Executivo dirixido por António Costa, do Partido Socialista, o semanario Expresso sostivo hoxe que o “Estado é quen arrisca máis”. A nova propietaria da empresa, a alemá Mutares, pagou 15 millóns de euros e ofreceu garantías adicionais por 60 millóns de euros.

Após investir case 200 millóns de euros, o Estado inxectará coa privatización 160 millóns máis, unha cifra á que se engaden 35 millóns do Banco Português de Fomento, elevando até 395 millóns de euros o custo da nacionalización e reprivatización. Sumando as achegas da banca privada e das persoas e entidades posuidoras de bonos esta cantidade ascende a 513 millóns de euros.

Unha venda "por baixo" do agardado

A oposición lusa demandou unha comisión parlamentaria de investigación, mentres que o presidente, Marcelo Rebelo de Sousa, subliñou que o acordo está “por baixo” do agardado.

Comentarios