Desactivada a 'mina' deixada por Netanyahu

En 11 días de maio preto de 300 persoas, a maioría bombardeadas en Gaza, morreron por mor dos combates entre Hamas e Israel. O aveso regalo de despedida de Netanyahu, con fins políticos, puido traer de volta outro masacre mais desta volta a contención dos dous actores, para alivio da poboación civil, impúxose.
EuropaPress_3783182_15_june_2021_israel_jerusalem_people_wave_flags_of_israel_during_the
photo_camera O parlamentario e líder da ultradereitista Sionismo Relixioso, Itamar Ben-Gvir, na Marcha das Bandeiras (Foto: Ilia Yefimovich / dpa)

"Bennett non se pode permitir mostrar contención ante Hamas, e polo tanto, o Exército terá que recomendar unha resposta forte dabondo para que sexa apropiada, mais non tan forte que acenda de novo o combate", reflexionaba o xornalista de Haaretz Amos Harel á fin da Marcha das Bandeiras

Así foi, que tras o lanzamento de globos incendiarios por parte de Hamas en protesta polo desfile da ultradereita sionista a través da ocupada Xerusalén Leste, as forzas armadas israelís lanzaron varios ataques aéreos na madrugada de onte sobre a Faixa de Gaza. O bombardeo cinguiuse a instalacións de Hamas na capital e na localidade de Khan Younis e non se rexistrou ningunha morte. Os globos provocaron unha vintena de incendios en varios lugares ao outro lado da fronteira. A TV árabe Al Jazeera informou de que a calma regresara na mañá. 

Un portavoz de Hamas confirmou os ataques á axencia Reuters e manifestou que os palestinos continuarían "a brava resistencia e a defensa dos seus dereitos e dos lugares sagrados" en Xerusalén. O Exército israelí, pola súa banda, comunicou estar "listo para todos os escenarios, incluída a volta aos combates dado os continuos actos terroristas que emanan desde Gaza".

Dupla sabotaxe 

Con este intercambio de fanfurriñas e cos esporóns cubertos, os galos da pelexa salvaron a cara diante de cadansúa parroquia; e sen lamentar vítimas civís consecuencia da "mina terrestre" deixada por Netanyahu na súa despedida. Harel foi o que utilizou este símil militar onte no Haaretz.

"O obxectivo orixinal da segunda Marcha das Bandeiras a través de Xerusalén [...] era repetir os eventos do 10 de maio ─alimentando as tensións na capital e desencadeando unha reacción en cadea na Faixa de Gaza─ e deste modo sabotar os esforzos para formar un Goberno sen Benjamin Netanyahu", apuntaba na análise.

A "mina" puido ser desactivada sen maiores consecuencias para a fráxil tregua, aínda que de acordo con Galatz (a emisora de radio do Exército israelí), os mediadores exipcios nas negociacións criticaron a involucración de Hamas no lanzamento dos globos para o progreso das conversas.

Mais os palestinos ─alén de Hamas─ centráronse na "provocación" da Marcha das Bandeiras, non nos globos. En xogo estivo a volta aos intensos combates, que en 11 días de maio causaron a morte de polo menos 256 palestinos en Gaza, incluídos 66 menores, e 12 residentes en Israel, incluídos dous menores.

Por exemplo, Mansour Abbas ─cuxo partido, a Lista Árabe Unida, é o primeiro árabe en facer parte dun Goberno israelí─ afirmou que o desfile foi "un intento de incendiar á rexión por motivos políticos" e co fin de socavar o novo Goberno. Abbas cre que debeu ser suspendida. A Policía optou por permitila, mais ao contrario que en anos anteriores impediu que atravesase a porta de Damasco cara ao corazón do ateigado e angosto barrio musulmán.

Xestos, mais ocupación

Este xesto evitou quizais un desenlace dramático e supón un sensíbel cambio con respecto á liña seguida polo Goberno de Netanyahu. Nesta nova dirección de pequenos-grandes xestos enmárcase o anuncio realizado onte polas forzas israelís á respecto dos operativos de "mapeo" de domicilios nos territorios ocupados.

O proceso consiste na entrada de soldados israelís en vivendas de palestinos, malia non estar acusados nin ser sospeitosos de ningunha actividade ilegal. O obxectivo é o rexistro e descrición da casa ou edificio con fins de intelixencia militar. 

Tamir Yadai, comandante do Mando Central, encargado das unidades despregadas en Cisxordania, ordenou a fin desta violación domiciliar que se repite cada noite e que as ONG humanitarias levan anos denunciando. 

Porque aínda que se evitou unha nova escalada militar entre Hamas e o Exército israelí, con Netanyahu ou sen Netanyahu a poboación civil continúa a padecer as consecuencias da ocupación.

Onte, unha muller palestina de 29 anos, Mai Afaneh, morreu a disparos dos militares israelís á entrada da vila cisxordana de Hizma. Profesora de Saúde Mental na Universidade de Xericó, segundo a axencia WAFA equivocouse de rúa cando conducía o seu coche. Entrou noutra en que o Exército está a realizar obras con fins militares: os soldados abatérona alegando que tentara acometelos co vehículo e que sacara un coitelo para apuñalalos. 

Outro 'explosivo': moción ao novo Goberno

Netanyahu non ten intención de se render nin de marchar. Tras cualificar a chegada do novo Goberno como "a maior fraude electoral na historia da democracia" e dar luz verde á Marcha das Bandeiras, o seu partido presentou onte unha moción de censura contra o Executivo. O argumento do Likud é que "foi estabelecido por medio das mentiras e da fraude" e que "non conta co mandato da poboación". Netanyahu pediu "unha disciplina férrea" aos partidos opositores para lograr derrubar o Goberno.

Ademais, recollía onte 'The Times os Israel', o ministro de Exteriores de Exipto, Sameh Shoukry, afirmou querer traballar co novo Executivo para "avanzar no proceso de paz". "É a elección dos israelís", afirmou, e pediulle que tome "decisións valentes" co obxectivo de "estabelecer un Estado palestino independente con base na solución dos dous Estados".

Tamén o rei de Marrocos, Mohammed VI, enviou unha carta de parabéns ao novo primeiro ministro, Naftali Bennett. EUA recoñeceu en decembro a soberanía marroquí sobre o Sáhara Occidental a cambio de Rabat iniciar relacións oficiais con Israel. 

Comentarios