Puzzle político israelí con Palestina de peza sobrante

Netanyahu podería ter os días contados. Unha heterodoxa coalición alternativa ten de prazo até mañá para chegar a un acordo, que traería un cambio de primeiro ministro 12 anos despois. Porén, a respecto do conflito palestino pouco se pode agardar: tan só o bloqueo dos deputados árabes evitaría que –mesmo– se agudizase máis.
EuropaPress_3724714_handout_20_may_2021_israel_tel_aviv_israeli_prime_minister_benjamin
photo_camera Netanyahu, recibindo información sobre a ofensiva a Gaza (Foto: Koby Gideon / GPO / dpa)

O 13 de xaneiro de 2013, o semanario The New Yorker publicaba unha peza, asinada polo seu editor, David Remnick, onde trazaba un perfil do ultradereitista Naftali Bennett, candidato xa daquela a desbancar do poder ao aínda a día de hoxe primeiro ministro, Benjamin Netanyahu. 

"Se Bennett se converte en primeiro ministro algún día ─e a súa ambición é tan repoluda e cegadora como unha lúa de colleita─ ten a intención de anexionar a maior parte de Cisxordania e deixar que cidades árabes como Ramala, Nablus e Jenin se 'autogobernen' mais 'baixo control de seguridade israelí'", escribía Remnick tras se reunir con el en Tel Aviv.

Máis de oito anos despois, Bennett está moi preto de se converter en primeiro ministro tras aceptar entrar nunha coalición con partidos de centro e da esquerda para sacar a Netanyahu do Goberno. A súa formación, Yamina, conta con seis asentos chave no Parlamento para chegar á maioría de 61. 

Yair Lapid, líder do centrista Yesh Atid (a forza máis votada tras o Likud de Netanyahu), é o encargado de colocar as pezas deste puzzle imposíbel para que cadren intereses moi enfrontados. Por exemplo, a exigua maioría parlamentaria deste bloque anti-Netanyahu requirirá dos votos dos parlamentarios palestino-israelís, que chocan directamente co programa do Yamina a respecto dos asentamentos de colonos.

Segundo declararon fontes do Yesh Atid a axencias internacionais, o acordo co Yamina de Bennett contempla que o ultradereitista se converta en primeiro ministro, cedendo o posto a Lapid posteriormente nun momento indeterminado destes vindeiros catro anos de lexislatura.

Escepticismo palestino

Lapid, que recibiu a encomenda de formar Goberno despois de fracasar Netanyahu, recoñeceu onte que "hai numerosos obstáculos no camiño". Con todo foi optimista: "Quizá iso sexa bo, porque teremos que superalos xuntos". E de logralo, asegurou "unha nova era" en Israel, recolleu The Times of Israel.

Porén, segundo un dirixente da Organización para a Liberación de Palestina (OLP), citado sen identificar pola canle de TV árabe Al Jazeera, nada muda: un hipotético Goberno con Bennett sería "ultradereitista" e non se diferenciaría en nada dos Executivos encabezados por Netanyahu.

Tamén Hamas, organización que goberna en Gaza, dixo nun comunicado asinado polo seu portavoz e recollido pola axencia turca Anadolu que "non se pode apostar por ningunha mudanza dentro de Israel. Todos eles [políticos israelís] son produto do proxecto de ocupación sionista". 

Ningún Goberno que se forme "cambiará a natureza do conflito" con esta "potencia ocupante á que hai que resistir", afirmou. E engadiu que esta resistencia do pobo palestino que dixo representa Hamas ─actualmente en conversas con Israel, cos servizos de intelixencia exipcios como mediadores─ é "un dereito lexítimo de defensa dos seus dereitos e de oposición a calquera plan dos invasores". 

Dous Estados?

En 1993, a OLP e o Goberno de Israel chegaron a un acordo de recoñecemento mutuo, coa aceptación das resolucións 242 e 338 do Consello de Seguridade da ONU, onde se estipula "o dereito a existir en paz e seguridade para todos". Acordo que Hamas non subscribe. Tampouco o hipotético novo primeiro ministro.

"Farei todo o que estea no meu poder para asegurar que [os palestinos] nunca teñan un Estado". "Non máis ilusións", declaraba a Remnick en 2013 un Bennett que deberá agora dominar as súas pulsións para evitar o aborto da coalición ou o seu bloqueo por parte dos deputados palestino-israelís.

En principio, segundo as análises políticas publicadas onte en diversos medios como o diario israelí Haaretz, a idea é centrar o plan de Goberno nas urxencias inmediatas a nivel económico a respecto da recuperación poscovid-19, deixando fóra os temas máis controvertidos (as aspiracións palestinas a un Estado de seu, nomeadamente).

O centrista 'falcón'

Mais Netanyahu presiona. Cómpre lembrar que malia estar imputado en tres cargos de corrupción, o cargo de primeiro ministro protéxeo xudicialmente. "Un perigo para a seguridade de Israel", apresurouse a cualificar o hipotético Goberno alternativo. "Que fará pola capacidade disuasoria de Israel? Como seremos vistos nos ollos dos nosos inimigos? Que farán no Irán e en Gaza?", preguntouse.

Este "discurso de odio e provocación contra calquera que non concorde con el" é razón de que a líder do Partido Laborista, Merav Michaeli, "sempre rexeitase formar parte dun Goberno de Netanyahu e de que estea tan comprometida con substituílo", segundo manifestou onte.

Mais Lapid, no conflito palestino, non está lonxe do actual primeiro ministro. Nunha entrevista o 7 de marzo en The Times of Israel, dicía: "Difiro da esquerda israelí tanto porque son un 'falcón' da seguridade como porque non creo na teoría da fin do conflito. Nunca dividiremos Xerusalén porque é a nosa capital". 

Acordo en pausa polo bombardeo de Gaza

As conversas lideradas por Lapid xa estaban iniciadas a comezos de maio. De feito, o acordo con Bennet xa estaba enriba da mesa. Mais foi xusto entón que se produciu unha escalada das tensións no conflito latente que acabou co lanzamento de morteiros por parte de Hamas e o bombardeo de Gaza ordenado por Netanyahu. Bennet suspendeu entón as negociacións.

Segundo unha enquisa publicada onte pola canle de TV israelí '12', 61% dos votantes de Yamina afirman que non volverán votar por Bennett tras o anuncio da alianza cos partidos de centro e esquerda. Ademais, unha maioría dixeron preferir que se fose a unha quinta convocatoria de eleccións.

Se Lapid non logra selar o acordo antes da cuarta feira, o mandato pasaría ao Parlamento, que tería 21 días para decidir un Goberno. Se non, chegaría ese quinto chamamento ás urnas.

Comentarios