Trump recoñece a soberanía marroquí sobre o Sáhara a cambio de iniciar relacións con Israel

A decisión supón un dobre golpe ás aspiracións soberanistas dos pobos saharauí e palestino.
marrocos_mohamedvi_goberno
photo_camera Mohamed VI –no centro da imaxe– e Trump selaron onte o acordo (Foto: Goberno de Marrocos)

O presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, anunciou o recoñecemento da soberanía de Marrocos sobre o Sáhara Occidental, por entender que a súa proposta de autonomía "seria, críbel, e realista" é "a única base" para unha solución "xusta e duradeira" que garanta "a paz e a prosperidade" na zona.

"Marrocos recoñeceu os Estados Unidos en 1777. Xa que logo, o correcto é que recoñezamos a súa soberanía sobre o Sáhara Occidental", escribiu Trump no Twitter, informando da decisión, que se produce no marco doutro "histórico" acordo: o estabelecemento pleno de relacións diplomáticas entre Marrocos e Israel. 

"Outro logro histórico hoxe. Os nosos dous grandes amigos Israel e o reino de Marrocos acordaron relacións diplomáticas plenas". Twitter volveu ser o medio elixido para o anuncio.

En opinión do mandatario, trátase dun "logro enorme para a paz en Oriente Próximo". Segundo un alto funcionario do Goberno estadounidense citado por Al Jazeera, o acordo produciuse onte tras unha chamada de teléfono entre Trump e o rei marroquí, Mohammed VI. E chega logo de o faceren previamente os Emiratos Árabes Unidos (13 de agosto), Bahrain (11 de setembro) e o Sudán (23 de outubro).

O recoñecemento da soberanía de Marrocos sobre o Sáhara Occidental enténdese, polo tanto, como unha clara contrapartida. No caso do Sudán fora saír da lista de Estados patrocinadores do terrorismo. Tras estes catro, Arabia Saudí podería ser o seguinte país árabe en estabelecer relacións diplomáticas con Israel.

Abandonados

As autoridades de Palestina critican este tipo de decisións, que supoñen abandonar a histórica e vella demanda de Israel ceder territorio para o estabelecemento dun Estado palestino antes de recoñecer o israelí e estabelecer relacións diplomáticas con el. 

Antes do estabelecemento do Estado de Israel, en 1948, Marrocos albergaba unha importante poboación xudía, cuxos antergos chegaron procedentes da Península Ibérica tras a expulsión ordenada en 1492. Marrocos e Israel manteñen relacións informais desde hai décadas. Na de 1990 intensificáronse tras os acordos de paz entre israelís e palestinos, mais racharon por completo en 2000 tras a Segunda Intifada. 

Tamén é un duro golpe para os saharauís. "Os EUA cren que un Estado independente saharauí non é unha opción realista para resolver o conflito e que a autonomía xenuína baixo soberanía marroquí é a única solución factíbel", dixo a Casa Branca nun comunicado. "Instamos as partes a estabelecer negociacións sen demora, usando o plan de autonomía de Marrocos como o único marco para negociar unha solución mutuamente aceptábel", di.

Comentarios