O derradeiro e letal disparo de Netanyahu

O pasado 10 de maio Hamas disparaba os primeiros morteiros sobre Xerusalén e outros territorios baixo soberanía israelí. Día sinalado no calendario sionista, a milicia ameazara con o facer ante a convocatoria dun desfile de ultradereitistas até a explanada de Al Aqsa. Aquela "Marcha das Bandeiras" farase na vindeira terza feira.
EuropaPress_3700461_10_may_2021_israel_jerusalem_israelis_march_with_national_flags_celebrating (1)
photo_camera Concentración o pasado 10 de maio, Día de Xerusalén, de cara ao inicio da Marcha das Bandeiras que acabo cancelada. (Foto: Ilia Yefimovich / dpa)

A pota a presión que estivera varios días ao lume do desaloxo de varias familias palestinas do barrio de Sheikh Jarrah estourou no Día de Xerusalén, data no calendario sionista que conmemora a captura da simbólica cidade en 1967. A celebración incluía a chamada "Marcha das Bandeiras", un desfile convocado pola ultradereita israelí que tiña previsto atravesar a Cidade Vella de Xerusalén até a explanada de Al Aqsa. 

Ante a previsión de que se producise unha perigosa batalla campal, tras os enfrontamentos no lugar entre fieis musulmáns e forzas de seguridade israelís, a Policía vetaba a última hora a entrada á explanada ─Monte do Templo, para os xudeus─ e, finalmente, os organizadores cancelaban por completo o desfile. Porén, pasadas as 18 horas, as sirenas antiaéreas comezaban a soar: Hamas, tal e como advertira, lanzaba os primeiros foguetes.

A entrada días antes de axentes israelís á explanada de Al Aqsa e a esta mesquita ─terceiro lugar santo no Islam─ para reprimir as protestas polo desaloxo de Sheikh Jarrah foi leña ao lume do conflito; a convocatoria e o itinerario da Marcha das Bandeiras, gasolina de cero octanos. 

O Exército israelí respondeu ao lanzamento de morteiros por parte de Hamas e de Jihad Islámica bombardeando Gaza, causando en 11 días 248 mortes, incluídas as de 66 menores. 

O enfrontamento provocou, como efecto secundario, o descarrilamento das negociacións en Israel para un Goberno alternativo ao do primeiro ministro en funcións, Benjamin Netanyahu. 

Acordado un cesamento do fogo, Yair Lapid, líder do centrista Yesh Atid, lograba que o partido  ultradereitista Yamina volvese á mesa de negociación. E o 30 de maio anunciábase un principio de acordo para liderar unha grande e heterodoxa coalición de partidos co fin de desbancar a Netanyahu. 

Domingo, Día D

Un Netanyahu que nos últimos días ameazou con volver facer desbaratar ese acordo antes de que sexa votado no Parlamento israelí o vindeiro domingo.

"Estamos a ser testemuñas da maior fraude electoral na historia do país; na miña opinión na historia de calquera democracia", afirmaba esta semana na liña do seu fiel aliado, o ex presidente dos EUA Donald Trump. Netanyahu centrou as acusacións na promesa rota por parte do líder de Yamina, Naftali Bennett, que garantira en campaña non ir da man de partidos de esquerda ou árabes.

Agora, a poucas horas da votación na Knesset, o Consello Ministerial de Netanyahu deu luz verde a que a "Marcha das Bandeiras", a través da Cidade Vella da ocupada Xerusalén Leste, se poida desenvolver finalmente. Aprobación que levou a Hamas a ameazar coa posibilidade de consecuencias, segundo recolleu a TV árabe Al Jazeera

"O desfile terá lugar na vindeira terza feira nun formato a acordar entre a Policía e os organizadores da marcha", sinalou a oficina de Netanyahu nun comunicado. Activistas palestinos xa preparan unha contramarcha para ese día, segundo informou a TV israelí 12.

Representantes políticos pediron á Policía a cancelación do desfile, argumentando que ten un interese político e que levará a máis violencia. Desde Yesh Atid sostiveron que o fin último é evitar o cambio de Goberno, recolleu o diario israelí The Jerusalem Post.

Pola súa banda, Khalil Al Hayya, dirixente de Hamas, advertiu a Israel de "non permitir que a marcha se achegue a Xerusalén Leste e á explanada da mesquita de Al Aqsa". "Agardamos que a mensaxe estea clara e que a terza feira non se converta nun 10 de maio", engadiu. 

O fiscal xeral inhíbese no caso Sheikh Jarrah, suxerindo que non é un tema político e si legal

O fiscal xeral de Israel informou ao Tribunal Supremo que non intervirá no caso de Sheikh Jarrah, onde catro familias palestinas neste barrio da ocupada Xerusalén Leste afrontan un inminente desaloxo en favor de organizacións de colonos israelís. As catro familias son parte das 28 que ven a súa permanencia alí ameazada.

Avichai Mandelblit ─que conta co apoio do Goberno, segundo o diario israelí Haaretz─ afirmou que se inhibía ao tratarse dun "asunto legal". As familias de Sheikh Jarrah criticaron nun comunicado este argumento: pretende reducir o conflito a "unha disputa inmobiliaria", sosteñen. Pola contra, salientan que o dereito internacional os ampara. Baixo este, a ocupación israelí non ten xurisdición sobre eles. Ademais, o desprazamento de poboación é un crime de guerra, alegan.

Comentarios