As dereitas recrimínanse en Chile a derrota no plebiscito constitucional

Primeiras críticas na esquerda ao feche do proceso.
Boric votou no plebiscito. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Boric votou no plebiscito. (Foto: Nós Diario)

Na madrugada de hoxe, pouco despois de que ficara claro que a tendencia no reconto do plebiscito constitucional que decorreu en Chile o domingo era irreversíbel -o voto en contra alcanzou 55,76% dos sufraxios, con 44,24% a favor e 84,44% de participación-, dirixentes da extrema dereita do Partido Republicano e da conservadora Chile Imos, que contaban con maioría absoluta no Consello Constitucional que elaborou a proposta sometida a votación, comezaron a culparse mutuamente dos resultados.

O ultradereitista Arturo Squella arremeteu contra Chile Imos, cuestionando a falta de intensidade da súa campaña electoral, ao tempo que o senador conservador Francisco Chahuán subliñou que “claramente son os que teñen a maior responsabilidade, eu agardo que fagan o mea culpa correspondente”, en alusión ao Partido Republicano, que liderou o proceso de redacción e contaba con dereito de veto no Consello.

En privado, as forzas que integran a coalición conservadora reiteraron ao xornal La Tercera as críticas á extrema dereita por forzar a inclusión na proposta de Carta Magna de apartados como a prohibición do aborto. Medios locais fan fincapé en que o rexeitamento maioritario á nova Constitución pode incidir nas conversas entre a dereita e a extrema dereita para constituír unha fronte común nas eleccións municipais de 2024.

No que atinxe ás forzas progresistas, o presidente do Partido Comunista, Lautaro Carmona, corroborou que a “votación foi contra o proxecto, non a favor da Constitución do 80”, en referencia ao texto vixente, impulsado na ditadura de extrema dereita de Augusto Pinochet.

Fin do proceso constituínte

Á vez, ratificou a decisión das formacións agrupadas en Aprobo Dignidade, que apoian o Executivo do progresista Gabriel Boric, de non lanzar un novo proceso constituínte durante o seu mandato, que remata en 2026, logo do rexeitamento da proposta da ultradereita e do proxecto constitucional deseñado por formacións progresistas e independentes en 2022.

Así e todo, Rodrigo Mundaca, gobernador de Valparaíso pola Fronte Ampla, alianza á que pertence Converxencia Social, o partido de Boric, defendeu no xornal El Mercurio de Valparaíso que non se debería fechar o proceso posto que contar cunha nova Carta Magna é “un anhelo” do pobo chileno. “A tarefa que temos todas e todos e escoitar ese pobo, que hoxe en día segue a ser o principal ausente” do debate, recalcou.

Comentarios