Chile decide este domingo se aproba a Carta Magna da extrema dereita: que está en xogo?

O presidente Gabriel Boric avanza que non haberá un terceiro intento durante o seu mandato, que remata en 2026.
O líder chileno Gabriel Boric. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O líder chileno Gabriel Boric. (Foto: Nós Diario)

Máis de 15 millóns de chilenas e chilenos determinarán no plebiscito constitucional do domingo se aproban ou desbotan a proposta de Carta Magna deseñada polas forzas ultradereitistas e conservadoras, que se fixeron coa maioría do Consello Constitucional nos comicios de maio. Esta será a segunda ocasión na que se someterá a votación unha proposición para substituír a Constitución vixente, imposta durante a ditadura de extrema dereita encabezada por Augusto Pinochet entre 1973 e 1990.

Na primeira, 61% das e dos votantes rexeitaron en setembro de 2022 un documento constitucional elaborado polas formacións progresistas, que ostentaban a meirande parte dos asentos na Convención Constitucional, e que erixiron o que se tería convertido nun dos textos constitucionais máis progresistas do mundo.

A inmensa maioría dos traballos demoscópicos ao respecto nos últimos meses indican que a nova proposta será rexeitada, mais a diferenza entre as persoas que trasladaron que votarían a favor ou en contra foise estreitando até o punto de que unha minoría das sondaxes abriron a porta a que a nova Constitución sexa aprobada pola mínima.

De non ser aprobada, o presidente progresista Gabriel Boric adiantou que durante o seu mandato, que remata en 2026, non haberá un novo proceso constituínte, sostendo que non existen as condicións necesarias.

En outubro de 2020, e con case 80% dos votos, foi aprobada nun plebiscito a redacción dunha nova Constitución tras o estalido social en 2019, que cuestionou os efectos causados á maioría da poboación pola Carta Magna actual, que outorga ás empresas privadas un papel chave en sectores como o das pensións ou o ensino.

Non obstante, a proposta da extrema dereita e dos conservadores consolida precisamente o papel destas compañías, así como a privatización da auga, o que “aguza os efectos da crise hídrica e consolida o mercado da auga”, denuncia o Movemento de Defensa polo acceso á Auga, á Terra e á Protección do Medio Ambiente.

Seguindo o modelo do texto vixente, reitera que as e os traballadores públicos ou de empresas que atendan servizos públicos non poderán declararse en folga, un dereito que no resto de compañías ficaría limitado ás condicións que determine a “negociación colectiva”.

Tamén permitiría que as persoas condenadas por crimes de lesa humanidade na ditadura abandonen a prisión e cumpran as súas penas de cárcere nos seus domicilios ou acabaría co dereito ao aborto.

Comentarios