Chile rexeita en referendo a reforma da Constitución da extrema dereita

Con 99,86% de mesas escrutadas, o 'en contra' imponse con 55,76% fronte a 44,24% do 'a favor' na votación chilena sobre unha nova constitución redactada polos partidos da dereita e extrema dereita.
Unha urna para o referendo deste domino en Chile (Foto: Europa Press / Contacto / Joshua Arguello).
photo_camera Unha urna para o referendo deste domino en Chile (Foto: Europa Press / Contacto / Joshua Arguello).

Con 99,86% de mesas escrutadas, o 'en contra' imponse con 55,76% fronte a 44,24% do 'a favor' na votación chilena sobre unha nova constitución.

Trátase do segundo plebiscito que se realiza en apenas 15 meses, coa intención de substituír a Constitución que aínda rexe no país e que é herdanza da ditadura fascista de Augusto Pinochet.

É un proceso en espello, xa que en setembro do ano pasado someteuse a consulta un proxecto redactado por unha Convención Constitucional que tiña unha maioría de integrantes progresistas ou de esquerda, e que era rexeitado pola dereita e ultradereita. Ao final, un contundente 61,8 % da poboación votou en contra da proposta, contra o criterio do presidente Gabriel Boric, que só levaba seis meses no Goberno.

Agora, en cambio, o borrador foi elaborado por un Consello Constitucional que ten unha maioría de militantes da dereita e ultradereita, e que é criticado polos colectivos de esquerda ou progresistas.

O común denominador entre ambos os procesos é que non houbo consensos, nin puntos medios, nin equilibrios, nin acordos. Se hoxe, a diferenza do ano pasado, gaña o voto a favor, Boric terá que promulgar unha Constitución coa que non está de acordo. Pero se triunfa o voto en contra, xa non haberá un terceiro proceso e seguirá vixente a actual carta magna.

A maioría dos candidatos da dereita mostraron a súa “derrota” re recoñeceron que a poboación de Chile rexeitou maioritariamente reformar desta maneira a carta magna.

"País polarizado"

"O país polarizouse, dividiuse, e á marxe deste contundente resultado, o proceso constitucional non logrou canalizar as esperanzas de ter unha nova Constitución redactada para todos. A política quedou en débeda co pobo de Chile. E esta débeda págase logrando as solucións que os chilenos e chilenas necesitan e esíxennos que alcancemos", declarou o presidente Boric.

Nese sentido, destacou durante un discurso recollido polo diario BioBío Chile que, a pesar do labor gobernamental "concentrado" no proceso constituínte, que "estaba destinado a traer esperanza", ao final só xerou "frustración e fastío".

"A patria non se reinventa dun día para outro. Para facer as cousas ben debemos respectarnos e volver atoparnos como chilenos e chilenas. Por iso dígoo con moita convicción: nin celebración nin arrogancia. Pelota ao chan, humildade, e traballo, moito traballo", agregou Boric, que recoñeceu tamén a unha "parte importante" de cidadáns que votaron a favor da proposta.

"Quérolle falar ao traballador da patria que se levanta cedo para obter o sustento, á muller emprendedora que moitas veces sen apoio tivo que cargar sobre os seus ombreiros solitarios pero fortes a toda a súa familia. Aos mozos que cren posíbel construír un mundo mellor, pero non atopan as oportunidades necesarias para iso. Ás persoas maiores que construíron Chile e que hoxe non teñen o suficiente recoñecemento que merecen. A vostedes compatriotas debémonos", manifestou Boric.

Tras recoñecer o fracaso do proceso constituínte, no cal os progresistas e os conservadores viron rexeitadas as súas propostas, o mandatario asegurou que o seu Goberno retomará "canto antes" os trámites lexislativos para lograr a reforma das pensións, o pacto fiscal de redistribución da riqueza e para aumentar a seguridade e os dereitos sociais, das mulleres, de educación, de vivenda e de saúde para que "non sufran xamais retrocesos".

"Estas son as prioridades dos chilenos e chilenas e son, por tanto, tamén as miñas prioridades e do Goberno, e espero que de todos os sectores políticos en xeral, porque así nolo exixe a sociedade", remarcou.

Comentarios