Comezan tres días de folga xeral contra a violencia que asola Haití

A cifra de homicidios escalou 120% ao longo do pasado ano.
Unha patrulla da Policía haitiana en Porto Príncipe os últimos días de 2023. (Foto: José A. Iglesias / Europa Press / Contacto)
photo_camera Unha patrulla da Policía haitiana en Porto Príncipe os últimos días de 2023. (Foto: José A. Iglesias / Europa Press / Contacto)

Unha folga xeral que está previsto que decorra até a cuarta feira paraliza hoxe o territorio de Haití, logo da convocatoria da Brigada Sindical Anticorrupción e da Central Nacional de Traballadores Haitianos para protestar contra a deterioración da seguridade no país, onde a violencia foi en aumento desde o asasinato en xullo de 2021 do presidente Jovenel Moïse.

En 2023 a cifra de homicidios medrou case 120%, sosteñen as estatísticas da Organización das Nacións Unidas (ONU), con 4.789 asasinatos, amais de 2.490 secuestros, 83% máis que no exercicio anterior, nun Estado que supera as 11 millóns de persoas.

300.000 persoas desprazadas

Esta situación foi da man do incremento no control territorial das bandas armadas, que tras aliarse con Moïse comezaron a actuar con independencia unha vez morto o mandatario, bloqueando estradas e barrios enteiros e obrigando 300.000 persoas a fuxir dos seus fogares pola violencia. A ONU sinalou que case a metade da poboación precisará axuda humanitaria este ano.

En Porto Príncipe, a capital, 80% do territorio está controlado por grupos armados que compiten polas rúas da urbe. O máis importante, o G9, chegou a ameazar con derrocar o Goberno de transición do primeiro ministro Ariel Henry, que se mantén no poder desde o asasinato de Moïse mais nunca chegou a convocar un novo proceso electoral, antes de implosionar e iniciarse os combates entre as distintas faccións da banda.

Freo ao envío de axente da Policía de Kenya

A pasada semana, a Xustiza de Kenya considerou inconstitucional o envío de centos de policías a Haití para liderar unha operación policial internacional no país que foi aprobada polo Consello de Seguridade da ONU en outubro de 2023.

Comentarios