Haití, entre a fame e o dominio das bandas armadas que estrangulan o país

Os Estados Unidos e o Canadá solicitan que as súas cidadás abandonen a illa por mor da deterioración da situación, no medio dunha crise humanitaria e da escaseza de combustíbel pola acción de grupos armados.
Migrantes haitianos agardan para pedir asilo en Cidade de México despois de fuxir da illa caribeña. (Foto: Jair Cabrera Torres / dpa)
photo_camera Migrantes haitianos agardan para pedir asilo en Cidade de México despois de fuxir da illa caribeña. (Foto: Jair Cabrera Torres / dpa)

Haití conta con arredor de 11 millóns de habitantes. Deles, 4,3 millóns van durmir moitas noites co estómago baleiro, informa a Organización das Nacións Unidas (ONU), mentres 1,3 millóns padecen unha situación de emerxencia humanitaria, o paso previo a declarar unha epidemia de fame.

A deterioración das condicións de vida na illa caribeña viu determinada pola inestabilidade política deste último ano, que leva a que unhas 200 bandas armadas controlen o 60% do territorio do país, salienta o Centro de análise e investigación en dereitos humanos (Cardh), e máis polos efectos do terremoto de 7,2 na escala de Richter do 14 de agosto, que deixou 2.248 persoas mortas e 136.800 edificios danados ou destruídos, segundo datos da oficina da ONU para Asuntos Humanitarios.

Porén, o punto definitivo de inflexión foi o asasinato do presidente Jovenel Moïse na madrugada do 7 de xullo.

Moïse, elixido en 2016 despois de que os comicios se tiveran que repetir, suspendeu en 2019 as eleccións parlamentares, disolvendo en 2020 o lexislativo para comezar a gobernar por decreto e negándose a entregar o poder en febreiro de 2021. Para conseguilo, tivo que suspender as funcións do Poder Xudicial, que non aceptara a decisión.

Catro anos antes, en 2017, recuperara o Exército, mais a falta de capacitación e recursos dos militares levouno a impulsar a creación de bandas armadas para manter o control sobre a poboación, explica o director de cine haitiano Arnold Antolin, que relata os desfiles con armas pesadas destas bandas pola capital, Porto Príncipe, sen intervención da Policía, ou masacres como a de 2019 no barrio de La Saline, que deixou 17 persoas mortas e máis de 200 feridas nunha manifestación contra o Goberno.

As bandas toman o poder

Estes grupos armados, que durante as últimas décadas estaban asociados a determinadas forzas políticas para impor o seu dominio por medio da violencia, remataron o seu proceso de independencia destes actores coa morte do presidente, facéndose co control do comercio, o transporte, os préstamos ou o sistema de xustiza, relata Gédeon Jean, presidente da Cardh.

Escaseza de fuel

Amais dos secuestros para obter financiamento -aproximadamente uns 700 en 2021- a nova estratexia de bandas como Izo 5 Segon (Izo 5 segundos), 400 Mawoso (os 400 vulgares) e G9 an fanmi (G9 e familia) está xerando unha situación límite entre a poboación tras asaltar as principais terminais petroleiras e impedir o tránsito do fuel polas estradas haitianas.

Isto está a provocar un desabastecemento nos últimos tres meses, afectando a fogares así como escolas, hospitais, bancos e empresas privadas, que reduciron o seu horario de servizo.

Ao tempo, incrementouse o prezo do transporte público e do resto de subministracións e varios medios de comunicación tiveron que interromper o seu traballo. A principal cadea de radio e televisión, Radio Télévision Caraïbe, deixou de emitir o pasado 8 de novembro, e Le Nouvelliste, principal xornal da illa, só publica a súa edición impresa tres veces por semana.

Durante a escaseza, o líder de G9, Jimmy Chérizier, reclamou a dimisión do primeiro ministro, Ariel Henry, para permitir que o repartimento se normalice. Con todo, na terminal petroleira de Varreux (Porto Príncipe), a máis importante do país, as bandas decretaron a pasada sexta feira unha tregua despois de negociar co Goberno certas prebendas, “non podo revelar estas promesas para non obstaculizar as negociacións. Tampouco podo confirmar se foron entregados cartos para esta tregua”, declarou unha fonte gobernamental a Le Nouvelliste.

A deterioración da situación xerou que países como o Canadá e os Estados Unidos (EUA) pediron ás súas cidadás e cidadáns que abandonasen o país, advertindo que no caso de que sexan suspendidos os voos comerciais é “pouco probábel” que poidan axudalos a marchar.

Influencia estranxeira

Haití, o segundo país de América en independizarse e o primeiro en abolir a escravitude, sufriu até tres invasións dos EUA, nese sentido, o principal apoio de Moïse foi Donald Trump, que buscaba afastalo de Venezuela e a China.

Esta inxerencia foi moi criticada pola oposición haitiana, que tamén denuncia o Core group, dirixido polos EUA e Francia, que está apoiando a xestión de Henry despois de nomealo primeiro ministro lexítimo após falecer Moïse, cuxo asasinato aínda está sen resolver.

Comentarios