Haití e a ONU, divididas sobre o envío dunha misión militar internacional

Tanto na entidade internacional como no país americano hai posturas moi difíciles de reconciliar sobre a intervención militar, todo isto após a petición dun Goberno haitiano cuxa lexitimidade está moi cuestionada.
Manifestación en Porto Príncipe a pasada segunda feira en contra da intervención militar internacional no país. (Foto: Rezo Nòdwes)
photo_camera Manifestación en Porto Príncipe a pasada segunda feira en contra da intervención militar internacional no país. (Foto: Rezo Nòdwes)
“Todos os días rexístranse feitos lamentábeis: perda de vidas humanas, secuestros, destrución de bens públicos e privados, violacións, roubos, saqueos, ameazas e intimidacións”, afirmou o ministro de Exteriores de Haití, Jean Victor Généus, durante a súa intervención na madrugada da segunda á terza feira no Consello de Seguridade da Organización das Nacións Unidas (ONU), na que reiterou a petición do Executivo de que a institución envíe unha misión militar internacional para recuperar o control do país, que na actualidade se atopa de facto en mans das bandas armadas.

En Haití, arredor de cinco millóns de persoas enfrontan unha situación de fame aguda, catro millóns de crianzas non poden asistir á escola pola violencia das bandas e mil haitianas e haitianos foron asasinados só no primeiro semestre do ano, ao que hai que engadir un gromo de cólera en expansión que xa provocou unha vintena de mortes.

O estado límite ao que se enfronta o país está marcado pola consolidación territorial das bandas desde o asasinato do presidente Jovenel Moïse en xullo de 2021, chegando a controlar 70% da superficie do Estado, incluídas estradas e infraestruturas como a terminal petrolífera de Varreux, a máis importante do país.

Isto derivou nunha escaseza de combustíbel que motivou unha caída dos servizos públicos, especialmente na capital, Porto Príncipe. “Os hospitais tiveron que fechar as súas portas, a auga potábel xa non pasa pola billa, o transporte público redúcese”, abundou Généus, fixando a decisión gobernamental de acabar coas axudas aos combustíbeis como “unha das causas da turbulencia política que sacudiu o país”.

Porén, as dúas últimas segundas feiras milleiros de persoas saíron á rúa da capital e outras cidades do país para manifestarse en contra da intervención militar, convocadas por varias organizacións sociais encabezadas pola plataforma progresista Pitit Desalin. Nestas marchas, a represión da Policía provocou unha morte e múltiples feridos de bala.

Un dos manifestantes explicou a AFP que “é certo que precisamos axuda para desenvolver o noso país, mais non tropas”, diferenciando a problemática das bandas das protestas en contra da acción do Goberno; entrementres, outros dos participantes apuntou a Le Nouvelliste que "os Estados Unidos (EUA) teñen a súa parte de responsabilidade pola inseguridade que asola Haití".

O líder da plataforma, Moïse Jean Charles, reclamou a dimisión do primeiro ministro Ariel Henry, cualificándoo como non lexítimo, e pediu á poboación que se dirixa ás residencias persoais dos membros do Goberno entre chamados á violencia.

Sen institucións

Estes movementos reiteran a problemática que supón o paulatino colapso das institucións no país, cun sistema político desfeito e sen perspectivas de saída a pesar das promesas de Henry dunha convocatoria electoral próxima, máis de medio ano despois do final do teórico mandato presidencial.

Porén, foi Moïse quen bloqueou as eleccións lexislativas, o que lle permitiu gobernar por decreto desde comezos de 2020 ao non ser renovada a Cámara de Deputados nin dous terzos do Senado. De feito, nove dos dez senadores que quedan pediron anular a solicitude de intervención militar.

Os Estados Unidos defenden a intervención

No Consello de Seguridade da ONU o debate centrouse en dúas propostas presentadas e defendidas polos EUA e México, con sancións para os líderes das bandas armadas e “unha misión [militar] limitada, de alcance coidadoso e non pertencente á ONU” dirixida por un Estado con experiencia neste tipo de operacións, debullou Washington.

A negativa máis contundente -non se produciu votación- viu da man da China e Rusia. O representante chinés preguntouse se a misión militar non acabará por “enfrontarse á resistencia e incluso detonará unha confrontación violenta coa poboación”, tendo en conta que o Executivo de Haití “carece de lexitimidade e é incapaz de gobernar”; ao tempo, o representante ruso definiu a proposta como “inxerencia externa” para supeditar Haití aos EUA.

Comentarios