Linchados 13 presuntos criminais en Haití nunha espiral de violencia

Enfrontamentos constantes en Porto Príncipe derivan nun incremento da violencia. Nese sentido, produciuse un linchamento sen que fique confirmado se foi responsabilidade da veciñanza ou dos axentes da Policía.
Policía en Haití o 10 de abril. (Foto: Jose A. Iglesias  / Europa Press / Contacto)
photo_camera Policía en Haití o 10 de abril. (Foto: Jose A. Iglesias / Europa Press / Contacto)

A capital haitiana, Porto Príncipe, converteuse nos últimos días nun “inferno” para os seus habitantes, subliñou a terza feira a prensa local, após intensificarse a segunda feira e a noite posterior os combates entre a Policía e as bandas armadas, que tratan de expandir o seu control a novas zonas da cidade.

Cando menos 120 persoas, incluídas dúas crianzas, foron asasinadas na cidade entre o 14 e o 21 de abril, informou a Oficina de Nacións Unidas para a Coordinación de Asuntos Humanitarios. Só nas primeiras semanas de 2023 máis de 530 persoas morreron no marco dos combates no país.

Esta semana os grupos armados asaltaron varios barrios no leste da urbe, provocando a fuxida da veciñanza no medio dos disparos mentres foron asaltadas vivendas para roubar e secuestrar os seus habitantes.

Na mañá da segunda feira as bandas intentaron estabelecer unha base no barrio de Debussy, derivando nun combate coas forzas de seguridade. Unha vez repelidos da zona, os grupos armados reclamaron reforzos para enfrontar os axentes, polo que 14 combatentes armados se desprazaron ao lugar nun minibús antes de ser arrestados, sinalou AlterPresse.

Testemuñas do suceso explicaron a AP que un grupo de veciños afastaron os combatentes da Policía antes de tiralos ao chan, amontoar pneumáticos sobre eles e prenderlles lume, provocando segundo a axencia a morte de 13 dos presuntos criminais. Porén, outros testemuños e as imaxes do incidente, citados por The Guardian, apuntan que foi a Policía a que os tería obrigado a tombarse antes de ser queimados, con fontes que sosteñen que foron asasinados polos axentes denantes ser queimados.

O primeiro ministro Ariel Henry limitouse tras o acontecido a aplaudir “os considerábeis e meritorios esforzos da Policía para levar a orde e a paz ás nosas cidades e barrios”.

A Organización das Nacións Unidas incidiu en que a inseguridade en Porto Príncipe se atopa en niveis dun “país en guerra”, aliás, constatou que 60% da cidade está en mans das bandas armadas.

Esta situación está a xerar o rexeitamento da poboación e a intensificar o uso da violencia. “Se as bandas nos invaden imos defendernos, tamén temos as nosas propias armas, temos machetes e imos tomar as súas armas, non imos fuxir”, declarou un veciño citado por AFP durante os primeiros combates no barrio de Turgeau, próximo a Debussy, no marco dunha deterioración constante da seguridade desde o asasinato do presidente Jovenel Moïse en 2021.

Comentarios