A crise haitiana agudízase tras o asasinato de Moïse

O asasinato do presidente volve situar o drama de Haití no primeiro plano da axenda internacional. A súa morte prodúcese nun contexto de inestabilidade social e de violencia nun país profundamente empobrecido por décadas de políticas conservadoras. Porén, este magnicidio coloca a crise haitiana nunhas novas coordenadas.
O presidente haitiano asasinado, Jovenel Moïse, nun encontro co secretario de Estado estadounidense, Mike Pompeo. (Foto: Europa Press)
photo_camera O presidente haitiano asasinado, Jovenel Moïse, nun encontro co secretario de Estado estadounidense, Mike Pompeo. (Foto: Europa Press)

A violencia manda nas rúas de Haití desde hai anos. Segundo un informe do Centro de Análise e Investigación en Dereitos Humanos, entre o 1 e o 30 de xuño máis de 150 persoas foron asasinadas e outras 200 secuestradas na capital do país, Porto Príncipe. A este respecto, entidades como a Rede Nacional en Defensa dos Dereitos Humanos de Haiti e a Fundación Je Klere denunciaron que “as bandas paramilitares e do crime organizado medraron de xeito exponencial nos últimos anos, coincidindo co ciclo de avance da mobilización popular” e denunciaron “as evidencias da conivencia de Moïse” e da súa formación “coa violencia paralegal”.

O país máis pobre de América

A pobreza é o caldo de cultivo para a violencia e a conflitividade social. Haití é o país máis pobre do continente americano, co 60% da súa poboación vivindo por baixo do limiar da pobreza, situándoo o Programa das Nacións Unidas para o Desenvolvemento  no posto 170 de 189 polo seu índice de desenvolvemento humano. Ao tempo, a pandemia ten agravado a súa feble economía, contraéndose o Produto Interior Bruto(PIB) en 3,8% en 2020 e sendo un dos poucos Estados do mundo onde aínda non se ten iniciado a campaña de vacinación.

A xestión do público estivo desde sempre en mans da oligarquía haitiana, cualificada por Eduardo Galeano como “a peor do continente”. Jovenel Moïse chegou á presidencia en 2015 como candidato do partido  PHTK, unha formación ultradereitista e  ultraneoliberal, representante dos sectores do vello duvalierismo, aínda moi presentes no seo das clases dominantes do país. A ditadura hereditaria da familia Duvalier entre 1957 e 1986 foi considerada como unha das máis crueis de América, con máis de 30.000 asasinatos, e, tamén, das máis corruptas, como acreditou o enriquecemento da familia no Goberno a conta dos fondos públicos. 

As dúbidas pairaron desde un incio sobre a xestión de Moïse. Segundo sinalou o sociólogo arxentino e ex brigadista en Haití, Lautaro  Rivara, “as eleccións que o consagraron presidente no ano 2015 foron caracterizadas por unha práctica de fraude masiva, o que implicou, tras case un ano de conflitos e interinidade, a realización de novos comicios que tamén foron impugnados como fraudulentos por diferentes actores nacionais pero que resultaron validados pola Organización de Estados Americanos (OEA).”

Un presidente neoliberal e corrupto

O afondamento na axenda neoliberal e a corrupción marcaron o seu mandato. Tanto é así, que nos primeiros anos do seu Goberno degradáronse de modo moi significativo as condicións de vida dos haitianos, sendo presentado polo Fondo Monetario Internacional (FMI) como un dos alumnos avantaxados. Ao tempo, o Tribunal de Contas e o Senado investigaron a Moïse por un desfalco multimillonario nas contas públicas, equivalente a 25% do PIB nacional, aparecendo entre as beneficiarias da operación varias empresas da súa propiedade. 

Moïse respondeu coa máxima dureza ás protestas populares que abalaron o país desde 2018 e comezou unha deriva autoritaria denunciada polos sectores populares do país. Así, procedeu ao feche do Parlamento, á  intervención do poder xudicial, nomeando maxistrados adictos, á posta en marcha dunha sorte de policía política coñecida como “Axencia Nacional de Intelixencia” ou a negativa a celebracción eleccións unha vez finalizado o mandato, permanecendo no poder de xeito ilegal desde o 7 de febreiro. Neste sentido, Rivara lembrou como colectivos en defensa dos dereitos humanos acusaron a Moïse do “asasinato de xornalistas e opositores, a realización de masacres en barrios populares da capital”.

A política represiva de Moïse apoiouse nos grupos paramilitares. Precisamente, estes grupos armados situados na órbita gobernamental foron sinalados agora como responsábeis do asasinato do mandatario haitiano. O seu sucesor Claude Josep confirmou a continuidade nas súas políticas, mentes desde as organizacións de esquerda reclamaron a convocatoria electoral pendente. 

Comentarios