Comeza a cimeira dos Brics que determinará a ampliación do grupo

Líderes de todo o mundo desprazáronse a Suráfrica para participar na reunión do grupo Brics.
Cyril Ramaphosa. (Foto: Fikile Marakalla / GCIS / Europa Press / Contacto)
photo_camera Cyril Ramaphosa. (Foto: Fikile Marakalla / GCIS / Europa Press / Contacto)

O Centro de Convencións de Sandton, en Xohanesburgo, acolle desde a terza até a quinta feira a XV cimeira do grupo Brics, integrado polo Brasil, Rusia, a India, a China e a propia Suráfrica, anfitrioa dunha xuntanza na que o punto chave a tratar será a ampliación da organización.

O país africano revelou que máis de 40 Estados trasladaron o seu interese por unirse á entidade, e a metade deles xa fixeron efectiva unha solicitude formal nese sentido. Na última actualización, Naledi Pandor, titular de Exteriores surafricana, sinalara que 34 países confirmaran a súa asistencia, mais medios como Deutsche Welle elevan o número de líderes que ratificaron a súa presenza a medio centenar.

Tamén estarán, amais do presidente de Suráfrica, Cyril Ramaphosa, os seus homólogos da China, Xi Jinping, a India, Narendra Modi, e o Brasil, Lula da Silva.

Por parte de Rusia a representación estará encabezada polo ministro de Asuntos Exteriores, Sergei Lavrov, despois de que o mandatario, Vladimir Putin, acordara con Pretoria non asistir após a orde de arresto contra el decretada pola Corte Penal Internacional (CPI) pola presunta deportación forzosa de crianzas dos territorios nos que decorre a guerra en Ucraína. Isto provocou unha polémica legal en Suráfrica, signataria do Estatuto de Roma que impulsou a CPI, pola determinación do Executivo de non aplicar a orde de arresto.

Ao respecto da ampliación, os Brics deberán definir no cumio a metodoloxía do ingreso e o papel que xogarán os novos membros, mais até o Brasil e a India, os máis reticentes nun comezo á expansión da entidade, amosaron o seu apoio ao ingreso de países como a Arxentina.

Amais desta cuestión, tamén está previsto o debate arredor dunha divisa común do grupo, que segundo o ex representante brasileiro perante o Fondo Monetario Internacional (FMI), Paulo Nogueira, podería denominarse R5, en referencia á primeira letra das moedas locais dos cinco membros dos Brics. O outro debate chave será o referente a un sistema de pagos comúns no marco da paulatina desdolarización do comercio mundial.

Ramaphosa defendeu que a ampliación dos Brics permitirá unir “un grupo diverso de nacións” cun “desexo común de ter unha orde global máis equilibrada”, xerando un contrapeso a institucións como o FMI.

“Os organismos multilaterais non son lugares aos que poidamos ir e ter un resultado equitativo e inclusivo”, subliñou Rob Davies, ex ministro surafricano de Comercio.

Comentarios