O grupo dos BRICS busca seguir medrando: Bangladesh, a seguinte incorporación?

O Goberno deste país asiático xa solicitou formalmente a adhesión ao grupo conformado por Brasil, Rusia, India, China e Sudáfrica.
Xi Jinping intervindo na cimeira dos BRICS de 2019. (Foto: Marcos Corrêa / Palacio do Planal / DPA)
photo_camera Xi Jinping intervindo na cimeira dos BRICS de 2019. (Foto: Marcos Corrêa / Palacio do Planal / DPA)

O grupo internacional dos BRICS, fundado en 2006 polas autoridades do Brasil, Rusia, India e China e aos que posteriormente se uniu Sudáfrica, podería gañar un novo socio —e inicial nas súas siglas— nos próximos meses. Trátase de Bangladesh, cuxa primeira ministra, Sheij Hasina, vén de remitir unha solicitude formal de adhesión após reunirse a pasada semana en Xenebra co seu homólogo sudafricano, Cyril Ramaphosa, para valorar esta posibilidade, segundo recolle o xornal Dhaka Tribune.

A próxima xuntanza dos líderes dos BRICS está convocada para finais de agosto no país africano. A este cumio foi convidado formalmente, como ás citas anteriores, o presidente ruso, Vladimir Putin; porén, a súa asistencia podería verse comprometida por mor da orde de arresto que ditou contra el a Corte Penal Internacional o pasado marzo. O Goberno de Sudáfrica, que defendeu en múltiples ocasións a súa "imparcialidade" ante a Asemblea da ONU, tense abstido nas votacións de condena ás accións militares de Rusia e valora aprobar no Parlamento unha proposta lexislativa para sortear a orde de arresto internacional da CPI.

Mais logo do anuncio do Goberno de Bangladesh, semella que Putin non centrará todas as miradas dos BRICS, pois a futura incorporación ao grupo deste país asiático podería discutirse entre os puntos da orde do día.

Hoxe conta xa co estatus de "amigo dos BRICS", algo semellante a un membro observador. Aliás, Bangladesh foi o primeiro país en sumarse ao Novo Banco de Desenvolvemento impulsado en 2015 polos BRICS após a incorporación dos propios membros deste grupo.

O grupo dos BRICS, que reúne máis dun terzo da poboación mundial (3.162 millóns de persoas), ten por obxectivo "crear un sistema mundial moito máis xusto e equilibrado nas relacións entre países", polo que a súa principal meta foi sempre reestruturar o sistema económico mundial a prol das nacións menos favorecidas.

Buscan a "cooperación económica e política" entre os países membros, así como o "desenvolvemento sostíbel e o fortalecemento dos sistemas multilaterais de comercio".

Comentarios