Os Brics piden máis recursos para acabar coa pobreza aos países ricos

O banco dos Brics votará a entrada da Arxentina en agosto, confirmou a presidenta da institución financeira, Dilma Rousseff.
Naledi Pandor, titular de Exteriores, e Cyril Ramaphosa, presidente de Suráfrica. (Foto: Chip Somodevilla / PA Wire / dpa)
photo_camera Naledi Pandor, titular de Exteriores, e Cyril Ramaphosa, presidente de Suráfrica. (Foto: Chip Somodevilla / PA Wire / dpa)

“A atención e os recursos dos nosos socios máis ricos desviáronse e as axendas nas nosas organizacións multilaterais xa non responden ás necesidades e demandas do sur global”, resolveu a sexta feira Naledi Pandor, ministra surafricana de Relacións Internacionais e Cooperación, na última xornada da xuntanza de titulares de Exteriores do grupo Brics en Suráfrica, que preparou a cimeira da entidade no vindeiro mes de agosto nese mesmo país.

Pandor referiuse á guerra en Ucraína sinalando que “non podemos permitir que un conflito nunha parte do mundo substitúa o obxectivo de erradicar a pobreza global como o maior obxectivo global”, explicando que “é unha condición indispensábel para o desenvolvemento sostíbel”, polo que fixo un chamamento a “analizar como podemos atraer de novo a atención e os recursos do mundo a este feito preocupante”, concluíndo que “o sufrimento dos pobres se esquece”.

Ao respecto, advertiu que “os países desenvoltos non cumpriron os seus compromisos co mundo en desenvolvemento e están a intentar sistematicamente trasladar a responsabilidade ao sur global”.

Ao tempo, o ministro de Exteriores da India, Subrahmanyam Jaishankar, salientou que a xuntanza “debe enviar unha mensaxe firme de que o mundo é multipolar, que se está a reequilibrar e que as vellas formas non poden facer fronte ás novas situacións”.

Na reunión, na que se abordou a ampliación da organización ou a arquitectura financeira mundial, falouse tamén de como “garantir que non acabemos sendo vítimas dunhas sancións con efectos secundarios en países que non teñen implicación algunha en asuntos que conduciron a esas sancións unilaterais”, detallou Pandor.

Arxentina no banco dos Brics

No que atinxe ao Novo Banco de Desenvolvemento dos Brics, que formou parte da axenda do encontro, a súa presidenta e ex presidenta do Brasil, Dilma Rousseff, confirmou ao ministro de Economía da Arxentina, Sergio Massa, que en agosto a institución votará o ingreso de Bos Aires, que se uniría a Montevideo e Brasília, os outros países do continente integrados.

En última instancia, Pandor ratificou o convite aos xefes de Estado do resto de membros dos Brics para que participen presencialmente na cimeira que se desenvolverá do 22 ao 24 de agosto, após a presentación dun proxecto de lei en Pretoria para acabar co debate xurídico pola posíbel presenza do presidente ruso Vladimir Putin, cuxo arresto reclamou a Corte Penal Internacional.

Comentarios