A China acusa os Estados Unidos de seguir unha "lóxica de gánster" ao perseguir TikTok

ByteDance alerta de que Washington está a xogar con 300.000 traballos.
Wang Wenbin, voceiro do Ministerio de Asuntos Exteriores chinés, nunha rolda de prensa a cuarta feira. (Foto: Johannes Neudecker / DPA)
photo_camera Wang Wenbin, voceiro do Ministerio de Asuntos Exteriores chinés, nunha rolda de prensa a cuarta feira. (Foto: Johannes Neudecker / DPA)

“Se os motivos de seguridade nacional poden ser usados para a supresión arbitraria de empresas destacadas doutros países, entón non hai equidade nin xustiza en absoluto”, a medida estadounidense é “contraria ao principio de competencia leal”, ás “normas de comercio internacional” e segue unha “lóxica de gánster” para apropiarse do que non é seu, subliñou a quinta feira o voceiro do Ministerio de Relacións Exteriores da China, Wang Wenbin.

Poucas horas antes, a Cámara de Representantes de Washington aprobara un proxecto dirixido na práctica contra a aplicación TikTok, que se o Senado o referenda obrigaría ByteDance, a compañía chinesa detrás da rede social, a vender en seis meses TikTok a unha sociedade estadounidense ou dun país aliado, ou afrontar a súa prohibición en todo o país.

Biden apoia a norma

O Executivo dos Estados Unidos ratificou que promulgará a norma se supera o trámite na Cámara Alta, incidindo en que se trata dunha lexislación necesaria.

O certo é que “a extensión da espionaxe e manipulación que TikTok realiza é igual á de Facebook”, resolveu Bruce Schneier, docente de ciberseguridade na Universidade de Harvard, pero, a diferenza da maioría de redes sociais nos países occidentais, non é estadounidense.

Ataque ás pequenas empresas e ás persoas creadoras de contido

Shou Zi Chew, director executivo de TikTok, demandou ás usuarias que “fagan ouvir as súas voces”, advertindo que a prohibición busca beneficiar “outras empresas de redes sociais” e “sacará miles de millóns de dólares dos petos de creadores e pequenas empresas”, así como “porá en risco máis de 300.000 postos de traballo estadounidenses”.

170 millóns de persoas e 7 millóns de empresas usan a aplicación no lugar.

Comentarios