Chile: A esquerda de Boric derrota con contundencia a ultradereita de Kast

"Hoxe a esperanza impúxose ao medo", declarou o novo presidente chileno. 
EuropaPress_3847232_18_july_2021_chile_santiago_presidential_candidate_gabriel_boric_cspeaks_to

O candidato de esquerda, Gabriel Boric, é o gañador da segunda volta das eleccións presidenciais realizadas este domingo en Chile cun 55,9% de votos, unha vez escrutadas o 99,96% das mesas. Segundo estes datos, publicados polo Servizo Electoral de Chile (Servel) Boric imponse ao candidato ultradereitista, José Antonio Kast, que lograría un 44,1% de apoios.

Case 12 puntos de vantaxe que poñen fin a un dos procesos máis polarizados e incertos desde o retorno á democracia en 1989.

O ex líder estudantil tomará posesión do cargo o 11 de marzo de 2022. Tras coñecerse os primeiros datos, Kast recoñeceu a súa derrota e felicitou a Boric. “Acabo de falar con Gabriel Boric e feliciteino polo seu gran triunfo. Desde hoxe é o Presidente electo de Chile e merece todo o noso respecto e colaboración construtiva. Chile sempre está primeiro”, publicou o candidato da ultradereita en Twitter.

A vitoria significa a volta da esquerda máis progresista ao poder en Chile tras catro anos de Piñera, representante da dereita. O programa de Boric avoga por un novo modelo de desenvolvemento, centrado nas enerxías renovábeis, os impostos ás grandes fortunas e o fomento á ciencia e tecnoloxía; ademais de fortalecer os dereitos da muller e as minorías sexuais, a saúde (incluíndo a mental), o medio ambiente e a cultura.

Na primeira volta, o 21 de novembro, impúxose Kast co 27,91%, seguido de Boric co 25,82%. Ámbolos dous recibiron o apoio das candidaturas máis próximas a nivel ideolóxico. O republicano foi sustentado por Chile Vamos -a forza do presidente actual, Sebastián Piñera- e Boric por Novo Pacto Social e o Partido Progresista.

O programa de Boric

Entre as proposicións dos progresistas destaca unha reforma tributaria do 8% do PIB nun período de entre seis e oito anos. Ademais, promete acabar co privatizado sistema de pensións e substituílo por un "órgano público autónomo, técnico e paritario".

Para xerar emprego, coa meta de recuperar 500.000 postos para as mulleres, pretenden aumentar as axudas, revisar a subcontratación e mellorar o acceso a créditos brandos das pequenas e medianas empresas. Asemade, aborda unha suba do salario mínimo e a consolidación dunha xornada laboral de 40 horas semanais.

No programa tamén aparece unha garantía para legalizar o aborto ou loitar polos dereitos das mulleres e dos pobos orixinarios, do mesmo xeito que a creación dun fondo soberano para acelerar a adaptación ao cambio climático.

Comentarios