Chile decide o rumbo entre extrema dereita e esquerda

Dous programas antagónicos enfróntanse na segunda volta das presidenciais en Chile, nuns comicios determinantes para o futuro do país.
José Antonio Kast (Partido Republicano) e Gabriel Boric (Aprobo Dignidade). (Foto: Matias Basualdo / ZUMA Press)
photo_camera José Antonio Kast (Partido Republicano) e Gabriel Boric (Aprobo Dignidade). (Foto: Matias Basualdo / ZUMA Press)

Arredor de 15 millóns de chilenas e chilenos teñen este domingo, 19 de decembro, a última palabra sobre o rumbo que vai tomar o país nos vindeiros anos, nas eleccións máis polarizadas desde o final da ditadura de Augusto Pinochet, que se mantivo na Presidencia até 1990 mais conservou o posto de comandante en xefe do Exército até 1998, após o golpe de Estado de 1973 que acabou coa morte do líder democrático Salvador Allende.

Unha vez borrados do mapa electoral das presidenciais os bloques de dereita e centro-esquerda (tradicionalmente denominados a Alianza e a Concertación), dispútanse a Presidencia o candidato de extrema dereita, José Antonio Kast (Partido Republicano), e o de esquerda, Gabriel Boric (Aprobo Dignidade).

Na primeira volta, o 21 de novembro, impúxose Kast co 27,91%, seguido de Boric co 25,82%. Ámbolos dous recibiron o apoio das candidaturas máis próximas a nivel ideolóxico. O republicano foi sustentado por Chile Vamos -a forza do presidente actual, Sebastián Piñera- e Boric por Novo Pacto Social e o Partido Progresista.

Pola súa banda, Franco Parisi (Partido da Xente), que ocupou a terceira posición na primeira volta co 12,81%, adiantara que ían desenvolver unha consulta dixital entre as e os militantes da formación para dirimir as súas preferencias. Porén, foise adiando até que esta quinta feira lanzaron unha consulta para votar se efectúan a citada consulta, despois de que a xustiza electoral lles prohibira publicar os resultados pola proximidade dos comicios. En todo caso, as declaracións públicas de Parisi colócano máis perto de Kast.

A polarización das eleccións non se debe só a que as candidaturas da ronda final están máis á dereita e á esquerda que as de anos precedentes, senón que coincide co traballo da Convención Constitucional, que desenvolve unha nova carta magna que se prevé abra a porta a posibilidade de aplicar novas políticas, poñendo punto e final á de 1980, impulsada por Pinochet como un xustillo para garantir que nin os gobernos progresistas puidesen saír da senda neoliberal. 

Lixeira vantaxe da esquerda

As enquisas publicadas até o 4 de decembro outorgan ao candidato progresista unha lixeira vantaxe de entre 3 e 6 puntos. Non obstante, os estudos demoscópicos publicados noutros países por AtlasIntel ou Black & White despois da veda, apuntan a un empate técnico.

Esta circunstancia estivo moi presente no feche da campaña desta quinta feira. Perante os comentarios da campaña de Kast de que a igualdade no resultado podía levar a que teña que ser a Xustiza a que decida, o candidato de Aprobo Dignidade amosou a súa confianza no reconto oficial e apuntou que “é de manual o que está a facer a ultradereita en Chile, exactamente o mesmo que Donald Trump. Están comezando a cuestionar os eventuais resultados”.

O último día de campaña estivo marcado pola morte de Lucía Hiriart, viúva de Pinochet. Mentres Boric lamentou que falecera en “impunidade” e lembrou as vítimas da ditadura, Kast, defensor desa etapa, deu as condolencias á familia e reiterou que “non quero facer un feito político disto”, recolle El Mercurio.

O programa de Kast

Incluso coas modificacións introducidas despois da primeira volta, o programa electoral de Kast incide nas políticas fomentadas na ditadura que provocaron que Chile se convertera nun dos países máis desiguais do continente, segundo o seu índice de Gini, que mide a desigualdade no ingreso.

A diferenza entre a poboación con máis e menos ingresos é superior á dos seus veciños directos, así como a segunda máis alta entre os países da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico, o que xerou as condicións para o estalido social de 2019, que forzou a redacción dunha nova constitución.

Amais de reducir o gasto público, o candidato da extrema dereita propón eliminar “gastos políticos e fusionar ministerios”. Nesa liña, avoga por acabar con varios impostos, como os “que afectan o patrimonio persoal”, como doazóns e herdanzas, o que favorece as persoas con máis ingresos.

No eido laboral quere introducir a “liberdade de horario e o traballo por hora”, e no que atinxe ás pensións, un dos grandes proxectos de Pinochet, pula por manter o sistema de que as institucións financeiras privadas sexan as encargadas de administrar os fondos das e dos traballadores como contas de aforro, xustificando as baixas pensións pola “falta de emprego formal”.

Con todo, os aspectos máis polémicos das propostas teñen que ver coa seguridade, onde procura garantir que policías e militares “non sexan xulgados por facer uso excesivo da forza”, que o presidente poida ordenar detencións ou acabar coas compensacións ás vítimas da ditadura.

O programa de Boric

Pola outra beira, entre as proposicións dos progresistas destaca unha reforma tributaria do 8% do PIB nun período de entre seis e oito anos. Ademais, promete acabar co privatizado sistema de pensións e substituílo por un "órgano público autónomo, técnico e paritario".

Para xerar emprego, coa meta de recuperar 500.000 postos para as mulleres, pretenden aumentar as axudas, revisar a subcontratación e mellorar o acceso a créditos brandos das pequenas e medianas empresas. Asemade, aborda unha suba do salario mínimo e a consolidación dunha xornada laboral de 40 horas semanais.

No programa tamén aparece unha garantía para legalizar o aborto ou loitar polos dereitos das mulleres e dos pobos orixinarios, do mesmo xeito que a creación dun fondo soberano para acelerar a adaptación ao cambio climático.
 

Comentarios