Candidatos das presidenciais libias censuran a suspensión electoral

A Cámara de Representantes aínda non decidiu a data na que decorrerán finalmente os comicios, ao tempo que varios candidatos rexeitan un novo proceso de transición e reiteran que hai que garantir o desenvolvemento dos comicios.
Concentración en Libia. (Foto: PPI / Zuma Press)
photo_camera Concentración en Libia. (Foto: PPI / Zuma Press)

A suspensión a pasada cuarta feira das eleccións libias previstas para hoxe provocou as críticas de varios candidatos rexistrados para participar nos comicios, ao cualificar a decisión de “inxustificada”.

Entre as múltiples xuntanzas que se produciron poucas horas despois de facer pública a resolución a Alta Comisión Nacional Electoral de Libia (HNEC), destaca a dun grupo de cando menos dez candidatos en Zauiya, no nordés do país africano, que asinaron un comunicado común transmitido pola cadea local 218 TV no que reiteran que as eleccións constitúen a única vía posíbel para saír da crise na que está instalado o país desde a caída de Muammar Gaddafi, hai unha década.

Nesta liña, reclamaron á Cámara de Representantes que contacte cos países que forman parte das conversas sobre a situación en Libia e máis coa Misión de Apoio da Organización das Nacións Unidas, para que poñan os seus esforzos en garantir que decorra o proceso electoral.

Asemade, reivindican a súa negativa a unha nova etapa de transición no país antes de que se efectúen as votacións, perante o debate sobre que facer co Goberno de unidade nacional, pactado en marzo entre os dous gabinetes enfrontados no territorio.

Arredor desa cuestión, o lexislativo transmitiu que impulsou a creación dun comité de dez membros para preparar a “folla de ruta” cara ás eleccións, sen pronunciarse sobre a data para os novos comicios que o órgano ten que fixar.

Intensificación da violencia

Amnistía Internacional denunciou o aumento dos secuestros a manifestantes, xornalistas e activistas por expresar o seu apoio a un ou outro candidato, así como ataques a oficinas e ameazas a persoal da HNEC, todo isto no período previo ás agora suspendidas eleccións.

No sur e leste de Libia, as Forzas Armadas Árabes Libias controlan boa parte do territorio, o que aproveita o grupo armado para cometer abusos contra a poboación nun “clima de impunidade”, denunciou, o que impide unha votación “sen coacción nin intimidación”.

A entidade fixo fincapé no incremento de desaparicións forzosas, asasinatos, acoso e violencia machista contra as mulleres libias.

“Este ambiente xeado socava o dereito das mulleres á participación política e disuádenas da participación pública”, destacan, ao tempo que solicitan á ONU que apoie as iniciativas para que as persoas que cometeron crimes de guerra baixo o dereito internacional sexan investigadas.

Comentarios