A suspensión das presidenciais do 24 de decembro leva Libia á beira do abismo

Barállase o 24 de xaneiro se finalmente decorren os comicios, aínda que non hai polo de agora ningunha data fixada, amais, mantéñense as conversas entre as partes para tratar de que a situación non derive nun novo conflito armado a grande escala.
Reunión esta terza feira da Misión da Organización das Nacións Unidas en Libia co Foro para o diálogo político no país africano. (Foto: Organización das Nacións Unidas)
photo_camera Reunión esta terza feira da Misión da ONU en Libia co Foro para o diálogo político no país africano. (Foto: ONU)

Sobre o papel, Libia desenvolvería mañá unhas eleccións presidenciais que abrirían unha nova etapa de estabilidade nun país inmerso nunha deflagración civil desde a caída de Muammar Gaddafi hai unha década. Os comicios foron convocados froito dos acordos de marzo auspiciados pola Organización das Nacións Unidas (ONU) entre os gabinetes paralelos que convivían e combatían no país, o denominado Goberno de acordo nacional no oeste, e o da Cámara de Representantes no leste.

Porén, a Alta Comisión Nacional Electoral de Libia (HNEC) ratificou onte nunha declaración pública o que nas últimas semanas se viña temendo, a suspensión das votacións á Presidencia pola “incapacidade de fixar o 24 de decembro como día da votación”, iso si, “a pesar da súa total disposición técnica”.

A HNEC reitera que é o parlamento o que ten que pór sobre a mesa unha nova data nos vindeiros 30 días, polo que o 24 de xaneiro se está a converter na data máis citada no caso de que finalmente se efectúen os comicios.

Nos últimos días producíronse distintos desacordos entre a comisión lexislativa que ten que supervisar as eleccións e a comisión electoral sobre que órgano tiña que formalizar a suspensión do proceso, informa Al Jazeera, polo que a HNEC decretou a pasada terza feira a disolución “das delegacións e comités electorais rexionais e locais”.

Enfrontamentos polas candidaturas

A principal fonte de tensión entre as faccións e as milicias armadas que dominan ámbolos dous marcos lexislativos e que teñen que acordar aínda un marco común, é quen pode postularse á Presidencia, así como as atribucións coas que contará o futuro mandatario.

O presidente da HNEC, Imad al Saye, explicou na cadea de televisión Al Ahrar que o motivo principal para atrasar os comicios é a “insuficiencia da lexislación electoral con respecto ao papel do Poder Xudicial nas apelacións e disputas electorais”, despois de que os sucesivos litixios impediran até o de agora a publicación da listaxe definitiva de candidaturas.

Os casos máis soados son os de Saif al-Islam e Khalifa Haftar, o primeiro é un dos fillos de Gaddafi, mentres que o segundo é o comandante da facción do Exército de Libia que sustentou o Goberno da Cámara de Representantes en Tobruk. Haftar dirixiu o falido ataque militar contra Trípoli en 2019, que deixou milleiros de mortos e destruíu parte da cidade.

Aínda que nun primeiro intre a HNEC os excluíra do proceso, os tribunais avalaron a súa participación, polo que a comisión electoral sinala que isto “creou un estado de incerteza sobre se as decisións da HNEC eran acertadas”, tanto nas presidenciais como nas parlamentares, previstas en febreiro de 2022, para as que tiveron que efectuar auditorías de 5.385 candidaturas.

Pola súa banda, a Misión de Apoio da ONU no país africano fixo un chamamento ao diálogo e advertiu que “a mobilización de forzas afiliadas a diferentes grupos crea tensión e aumenta o risco de enfrontamentos que poderían converterse en conflitos”, apuntou Farhan Haq, voceiro adxunto da Secretaría Xeral da institución.

Afíns ao primeiro ministro interino despréganse en Trípoli

Nas últimas horas, os medios libios apuntan a presenza de forzas armadas nas rúas de Trípoli, a capital, en apoio a Abdul Hamid Dbeibah, primeiro ministro do Goberno de unidade e candidato, perante o debate sobre a permanencia do Executivo interino tras a suspensión.

A semana pasada, outros grupos armados despregáronse arredor dos edificios gobernamentais após a destitución dun alto funcionario militar.

Comentarios