A UE podería estar a planexar un acordo con Libia semellante ao asinado con Turquía

Merkel e Hollande amosaron a súa vontade en continuar a "reforzar o espazo Shengen" e o control das fronteiras exteriores europeas. 

Caiuco con migrantes no Mediterráneo_Imaxe ACNUR
photo_camera Caiuco con migrantes no Mediterráneo [Imaxe ACNUR]

Libia foi en 2014 un dos principais portos de saída para persoas migrantes e en búsqueda de refuxio. No concreto, segundo a Organización Internacional para as Migracións (OIM) o 80% das persoas que chegaron ás costas italianas e maltesas nos últimos anos proceden da rota do Mediterráneo Central que parte da Libia. En total, 170 mil persoas en 2014 e 153.842 en 2015, maioritariamente procedentes da África Subsahariana (Sudán, Eritrea, Gambia, Nixeria, Costa de Marfil e Senegal. 

Así as cousas, o pasado ano as cifras gregas eclipsaron calquera outro proceso migratorio ou deslocamento forzoso após rexistrárense 853,650 chegadas procedentes da Siria, Afganistán, Iraq e Paquistán con porto de saída en Turquía. 

Porén, en marzo de 2016 e coa mellora climatolóxica propia da primavera, a rota do Mediterráneo central volve activarse. Segundo a OIM, 19.322 persoas até o 30 de abril, principalmente orixinarias de Exipto, Somalia e Eritrea, embora haber algunhas persoas sirias tamén. 

En Bruxelas queren bloquear esta posibilidade de acceso ao territorio comunitario e planexan a posibilidade de asinar co goberno libio --proclamado co auspicio das Nacións Unidas e apoiado polo Banco Central de Libia e a Compañía Nacional do Petróleo-- un acordo semellante ao asinado con Turquía mediante o que se programaron as devolucións masivas de solicitantes de asilo e migrantes a cambio duns millóns de euros. 

Libia atópase nunha situación de inestabilidade e terror permanente desde 2011 cando as forzas da NATO acordaron a súa intervención militar no país contra o réxime de Al-Gadaffi. De facto, Obama recoñeceu que o seu peor erro como presidente fora a ofensiva lanzada na Libia e non pensar no día despois. Actualmente, as Nacións Unidas cifran en 500 mil as persoas desprazadas internamente no país e en máis de 250 mil as rexistradas como refuxiadas, procedentes doutros territorios en conflito. Así as cousas, aseguran que "o número real é moito maior". Desde as súas costas, parten cara Italia e Malta. 

O Parlamento libio non recoñece a lexitimidade do goberno apoiado pola comunidade internacional mais si conta co visto e prace do Banco Central libio e a Compañía Nacional do Petróleo

Neste contexto, Alemaña e Franza defenderon após o seu encontro bilateral a pasada semana en Metz, defenderon continuar "reforzando Shengen e a protección das fronteiras exteriores e adaptando o sistema europeo común de asilo". Isto é, unha das fórmulas podería ser impedir através de máis un 'estado tapón' a chegada de persoas refuxiadas e migrantes ao territorio comunitario e o estabelecemento da revisión das peticións de asilo de maneira conxunta co desenvolvemento dunha 'fiestra única' que supere o actual Regulamento de Dublín. 

Porén, para iso sería preciso unha autoridade gobernamental que exercese control efectivo sobre a poboación e o territorio, algo que non acontece na Libia onde nen sequera o Parlamento recoñece a lexitimidade do executivo apoiado pola denominada comunidade internacional. 

Comentarios