Milicias armadas toman a sede do Goberno libio antes das eleccións

O intento de golpe de Estado pon en dúbida o desenvolvemento dos comicios, que estaban previstos para o 24 de decembro.
Oficina do primeiro ministro rodeada de grupos armados. (Foto: Neuron Intelligence)
photo_camera Oficina do primeiro ministro rodeada de grupos armados. (Foto: Neuron Intelligence)

A poucos días das eleccións presidenciais en Libia, coas que as autoridades pretenden recuperar a estabilidade que rachou en 2011 o golpe de Estado apoiado pola OTAN e a posterior execución de Muamar el Gadafi, varias das milicias que operan na capital, Trípoli, tomaron na madrugada da cuarta á quinta feira o control da sede do Consello Presidencial, e teñen rodeadas varias sedes ministeriais, como a de Defensa, e a oficina do primeiro ministro, Abdulhamid Dbeibah.

O ataque chega poucas horas despois de que Abdel Basset Marwan fora relevado da xefatura da comandancia militar de Trípoli, sendo substituído por Abdel Qader Mansour.

Medios locais reportan combates na capital entre as milicias que están a protagonizar o golpe de Estado -leais a Basser Marwan- e as forzas militares libias. Asemade, estradas como Shatt, Al-Sikka e Abu Sitta, que permiten acceder á sede da Presidencia e ao Concello da capital, foron cortadas.

Non obstante, tanto o primeiro ministro como o presidente do Consello Presidencial, Mohamed Menfi, foron evacuados e atópanse nun lugar seguro, indica o xornal Al-Sharq.

Unha das milicias enfrontadas co Goberno de unidade nacional, a brigada de Al Samoud, transmitiu por medio do seu líder, Salah al Badi, que as eleccións previstas para o 24 de decembro “non se desenvolverán, fecharemos todas as institucións estatais”, informa Al Marsad.

Ademais, activistas de Misurata, perto de Trípoli, difundiron un vídeo no que al Badi asevera que están traballando na coordinación con outros grupos armados para pór fin ás eleccións.

A Organización das Nacións Unidas (ONU) impuxo sancións a al Badi polo asasinato de civís durante unha guerra civil que se estendeu unha década, amais, acusouno de “socavar sistematicamente o logro dunha solución política en Libia apoiando a resistencia armada”.

Menos dun ano de goberno

O Goberno de unidade nacional iniciou a súa andadura en marzo e prevía entregar o poder a un presidente electo de maneira democrática após os comicios da vindeira semana.

A creación deste Executivo, auspiciado pola ONU, permitiu acabar coa guerra civil que se intensificara en 2015 e reunificar os dous gabinetes paralelos, o chamado Goberno de acordo nacional e o da Cámara de Representantes, que intentou en 2019 tomar o resto do país cunha grande ofensiva militar que finalmente fracasou.

Comentarios