Bukele apréstase a obter nos comicios no Salvador unha reelección ilegal

Tras unha campaña electoral atípica no Salvador, sen actos públicos multitudinarios, e baixo a omnipresenza das mensaxes do mandatario Nayib Bukele grazas ao control da maioría de medios de comunicación, o presidente aspira a un segundo mandato.
O presidente en excedencia do Salvador, Nayib Bukele, nunha intervención a finais de 2023. (Foto: Camilo Freedman / Europa Press)
photo_camera O presidente en excedencia do Salvador, Nayib Bukele, nunha intervención a finais de 2023. (Foto: Camilo Freedman / Europa Press)

As eleccións presidenciais, lexislativas e municipais desenvolveranse o domingo no Salvador, nunhas votacións nas que se prevé que o mandatario de extrema dereita en excedencia, Nayib Bukele, consiga unha vitoria esmagadora logo de facerse nos últimos cinco anos co control de todas as institucións do Estado, sumíndoo nunha ditadura.

Todas as enquisas adiantan que nas presidenciais Bukele se imporá sen precisar dunha segunda volta, para o que require de máis de 50% dos sufraxios. O último traballo demoscópico de CID-Gallup dálle 79%, con Manuel Flores, da progresista Fronte Farabundo Martí para a Liberación Nacional (FMLN), e Joel Sánchez, da conservadora Alianza Republicana Nacionalista (Arena), empatados na segunda praza, con 4%; e o da Universidade Centroamericana José Simeón Cañas predí que Bukele alcanzará 81,9%, con 4,2% para Flores e 3,4% para Sánchez.

En paralelo, o consorcio Observa O Salvador, que xunta tres universidades e cinco organizacións da sociedade civil, apunta que 70,9% aposta polo actual mandatario, con 2,9% para a FMLN e 2,7% para Arena. Na Asemblea Lexislativa, a oposición practicamente desaparecería, ao facerse Novas Ideas, a formación de Bukele, con 57 dos 60 asentos. O resto serían para Arena, con 2 escanos, e o último para o Partido Demócrata Cristián (PDC).

Xa no que atinxe ás municipais, Novas Ideas ficaría en 54,7%, con 5,8% para Arena, 3,3% para a conservadora Grande Alianza pola Unidade Nacional (GANA), 3% para o PDC e 2,8% para a FMLN. O seu apoio popular está edificado arredor do réxime de excepción instaurado en marzo de 2022 e que foi prorrogado en máis dunha vintena de ocasións, o que lle outorgou os poderes para militarizar o país e lanzar unha guerra contra as bandas armadas que xerou unha redución da taxa de homicidios desde os 38 por cada 100.000 habitantes de 2019, cando chegou á Presidencia, até o 2,4 do pasado ano.

A diminución da criminalidade produciuse á custa de masivas violacións de dereitos humanos, especialmente por detencións arbitrarias. Máis de 75.000 persoas foron arrestadas ao longo do estado de excepción, 7.000 delas postas en liberdade condicional, un número semellante ao de inocentes detidas segundo as autoridades. Máis de 200 persoas morreron baixo custodia do Estado e Amnistía Internacional estimou que 2% da poboación salvadoreña estaba presa.

O estado de excepción foi activado despois da ruptura do entendemento entre Bukele e os grupos armados, ou maras, como se coñecen en varios Estados centroamericanos. O presidente, como xa fixeran outros Executivos no pasado, negociou con elas un acordo para que non se disparasen as cifras de homicidios. Precisamente, o apoio das bandas foi clave para que Novas Ideas lograra a maioría absoluta no Parlamento en 2021.

Poucos meses despois, foi liberado Élmer Canales Rivera, alcumado 'Crook', un dos líderes da Mara Salvatrucha-13, que estaba condenado a catro décadas na cadea. Unha vez na rúa, o Executivo proporcionoulle unha arma de fogo e enviouno a Guatemala.

Antes desas eleccións, e perante unha Asemblea Lexislativa na que contaba con poucos apoios, Bukele asaltou canda un grupo de militares o lexislativo para exixir ás forzas políticas con representación que aprobasen un préstamo para un plan de seguridade a nivel nacional.

Unha vez que obtivo a maioría parlamentaria, respondeu á decisión da cúpula da Xustiza salvadoreña de suspender varias medidas no marco da pandemia de Covid-19, como a detención das persoas que saíran do seu domicilio no confinamento, destituíndoa de forma ilegal para substituíla por unha conformada por afíns, o mesmo que na Fiscalía Xeral.

Con este movemento, Bukele, que provén dunha familia de amplos recursos económicos, iniciou unha imparábel captación do control das institucións estatais, en paralelo ao de boa parte dos medios de comunicación do país, un aspecto determinante para comprender os resultados das enquisas, explica Carolina Jiménez, presidenta da Oficina de Washington para Asuntos Latinoamericanos (WOLA), unha entidade en defensa dos dereitos humanos.

“Falamos dunha cidadanía que, de ter maior información, probabelmente estaría en contra dalgunha das prácticas do Goberno”, sostén, citando estudos de opinión que sinalan que a poboación está maioritariamente a favor de que se deteña os membros das maras, mais en contra dos arrestos arbitrarios.

Reformas electorais

Sexa como for, e co poder absoluto nas mans de Bukele, o pasado verán o lexislativo reduciu de 84 a 60 o número de asentos da Cámara e modificou a fórmula para o reconto, que pasou dun modelo proporcional ao método d’Hondt, que eleva a representación dos partidos con máis votos. Ao tempo, diminuíu de 262 a 44 o número de municipios no país. En teoría, o Código Electoral prohibía esta clase de reformas menos dun ano antes das eleccións, mais foi derrogado poucos meses antes.

No tocante á reelección, prohibida por seis artigos da Constitución, a nova cúpula xudicial levou a cabo unha reinterpretación do texto coa que permitiu ao mandatario presentarse aos comicios se non exercía como presidente nos seis meses anteriores ao comezo dun hipotético segundo mandato.

Por iso, desde o 1 de decembro de 2023, Bukele atópase, cando menos de maneira formal, en excedencia, e Claudia Juana Rodríguez de Guevara, a súa secretaria privada e daquela presidenta da entidade que dirixía as obras públicas, desempéñase como Xefa de Estado en funcións. Hai xusto 80 anos saíu do poder o único líder salvadoreño que se reelixiu, o ditador Maximiliano Hernández Martínez.

Isto, unido á falta de transparencia ou independencia dos poderes públicos, ás reformas electorais ou ao uso de fondos públicos para facer campaña leva a concluír a organizacións como WOLA que non se trata dunhas eleccións xustas.

Denuncias similares emitiron as candidaturas da oposición, que desbotan os resultados das enquisas, atribuíndoos ao medo da poboación a comunicar que está en contra de Bukele.

Comentarios