Bukele abandona a Presidencia do Salvador para buscar unha reelección prohibida pola Constitución

O Congreso de Guatemala acelera no golpe contra Arévalo.
Nayib Bukele. (Foto: Camilo Freedman / Europa Press / Contacto)
photo_camera Nayib Bukele. (Foto: Camilo Freedman / Europa Press / Contacto)

A Asemblea Lexislativa do Salvador, controlada por Novas Ideas, a formación do presidente de extrema dereita Nayib Bukele, aprobou na madrugada de hoxe outorgar ao mandatario unha excedencia de seis meses para que se presente á reelección nos comicios presidenciais, lexislativos e municipais do 4 de febreiro.

Á fronte da Xefatura de Estado fica por primeira vez unha muller, Claudia Juana Rodríguez de Guevara, como designada á Presidencia, e que se desempeñaba até o de agora como presidenta da cúpula da Dirección Nacional de Obras Públicas e secretaria privada de Bukele.

Unha reelección prohibida

A Constitución salvadoreña prohibe de forma explícita que os presidentes en exercicio se presenten ás eleccións, porén, a Corte Suprema, tras substituír Bukele as e os maxistrados por persoas afíns, permitiu a súa candidatura no caso de que non exerza como mandatario nos anteriores seis meses ao comezo dun hipotético segundo mandato, nunha decisión criticada polas forzas de oposición.

O lexislativo, cuxo dominio logrou Bukele logo de aliarse cos grupos armados que despois resolveu perseguir por medio dun estado de excepción que dura xa 20 meses.

Tamén aprobou unha reorganización dos municipios, que afecta especialmente aqueles gobernados por outras forzas, e unha redución dos asentos da Asemblea.

Guatemala

O Congreso de Guatemala, de maioría conservadora e de ultradereita, quitou a inmunidade a catro xuíces e xuízas do Tribunal Supremo Electoral tras ser acusados de corrupción pola Fiscalía, que encabeza un intento de golpe de Estado para evitar que o progresista Bernardo Arévalo asuma a Presidencia. 

Comentarios